venres, 28 de febreiro de 2014

Estudo da toponimia de Cervo

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo. 
_______________________________________ 



ABELAEDO (Rúa)
ABELAEDOS, OS (Cervo)
Un "abelaedo" designa  un sitio onde abundan as abeleiras.

ABELLEIRAS, AS (San Román de Vilaestrofe)
ABELLEIRIÑA (Rúa)
O termo "abelleira" é sinónimo de "colmea" ou "enxame". 
Por tanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". 
Nalgúns casos, o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

O ABERTAL (San Román de Vilaestrofe)
O termo "abertal" defíneo o dicionario como "terreo comunal que está aberto e sen peche ningún" (cf. DdD).

ABURLIDO (Cervo)
Probablemente de "Aborlido".  Navaza apunta a posibilidade de que "Abrolido", "Aborlido" e "Abrulido" deriven do baixo latín arboretu 'arboreda' (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006). 
Alternativamente, podería indicar un "Abrulido", lugar onde abundan as plantas chamadas "abrulas" (de nome científico Digitalis purpurea, cf. DdD).

ACAROADA, (Cervo)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. DdD.
Tamén pode ser sinónimo de "rapado", segado até o chan, sen deixar "restreba".

ALBARELLAS, AS (San Román de Vilaestrofe)
Probablemente derive de "as (terras) albarellas", o diminutivo de "albar 'tirando a branco', co que remitiría a "terras tirando a brancas, talvez pola arxila". 
En efecto, o termo "albar" é adxectivo derivado de "albo" ‘tirando a branco’, do latín album.  De feito, o dicionario da RAG indica para "albar": 
"Refiriéndose a la tierra, es la ligera y de mala calidad, en contraposición a la negra y pesada, que es la mejor". Cf. DdD.
De feito, o sufixo -ella, con certa carga despectiva, parece reforzar esta idea de "terras de mala calidade".
No entanto, esta interpretación é preciso tomala con reservas, pois o o adxectivo "albar" é aplicado non só a terras, senón a vexetais, co cal podería indicar "lugar poboado dun vexetal albar". Así o dicionario de Eladio Rodriguez indica que 
"se aplica a lo que tiene el color más blanco o claro que lo que es ordinario o general, como coello albar, carballo albar, centeo albar, piñeiro albar, toxo albar" (cf. DdD).
En efecto, non se pode desbotar a posibilidade de se tratar dun fitotopónimo, mais tampouco afirmala. De feito, este topónimo foi extensamente analizado por Navaza, quen tampouco se decanta por ningunha das alternativas (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

Alternativamente, para Rivas Quintas forma parte dos procedentes do indoeuropeo *alb- ‘altura’ (cf. p 25 de E. Rivas, "Toponimia de Marín". 1982). Porén, esta interpretación non encaixa en moitos "Abares", así o Albares de la Ribera (León) fica na ribeira dun río. No caso do topónimo que nos ocupa, tamén se trata dunha zona de prados, polo que tampouco parece encaixa esta interpretación. 

Por outro lado, no Glossarium de Du Cange recolle a forma medieval albare  ‘estacada, cerca, foso, canle’. Esta acepción podería estar relacionada coa indicada por E. Rivas, e trataríase dunha relación semántica sinxela de algo semellante a "altura" para algo do estilo de "desnivel, terraplén". Tamén podería estar derivada do tema prerromano *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-, tal como interpreta E. Bascuas para "Albarán".

En resumo, hai dúas interpretacións máis ou menos plausibeis, porén, cremos que a máis sinxela, a de "terra albar", terra clara, de baixa calidade, debe ser a máis segura, sendo "albar" e "albeiro" aplicados en múltiples ocorrencias neste sentido de "tirando a branco", desde vexetais ata pedras de muíño.

O ALBARIÑO (Castelo)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén indica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

A ALBARIZA (Castelo)
O termo "albariza" designa un  sitio onde abundan as colmeas. Cf. DdD.
Xeralmente, a alvariza implicaba un cercado, para protexer as colmeas dos osos e outros animais.
De ser esta a interpretación correcta, debería grafarse Alvariza, pois derivaría do latín alveus 'cavidade', do cal xa en latín tamén deu alvearium 'colmea'.

A ALDEA (Cervo)
A ALDEA DE ARRIBA (Lieiro)
A ALDEA DE ABAIXO (Lieiro)
A voz "aldea", de orixe árabe (do andalusí aḍḍáy’a), aínda que con difusión tardía no galego, a partir da súa introdución tivo unha gran difusión, tendo 134 ocorrencias na toponimia galega (cf. A. Boullón, 2021. "Panorama da toponimia galega (a través dos seus nomes máis frecuentes)", in Estudos Linguísticos e Literários 71).
En efecto, non aparece na documentación galega ata o séc. XII, e en referencia a núcleos galegos aparece no século XIII (“in aldea de Pineyra de predicto monasterio” a.1223, Ferreira de Pallares).
En galego mantivo o significado semellante ao que tiña en árabe: ‘núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños’.

A ALLEIRA (San Román de Vilaestrofe)
Este topónimo remite a un lugar no que abundan os allos, ou propicio para o seu cultivo. 

En xeral, para estes topónimos tamén se considera a acepción alternativa do latín angularia, pnto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. Porén, aínda que esta poboación queda ao pé do río, non ten ningún cóbado ou meandro, nin se xunta preto de alí co outro, polo que debe remitir ao fitotopónimo indicado.

Existe un Allares e un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove, Foz, "O Alleiral" en Muras, etc.

AS ALTAFONAS (Cervo)
Significado incerto. Probablemente de "As Atafonas".
Unha "tafona" é un muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo).  Deriva do árabe tahuna. É unha das poucas palabras patrimoniais de orixe árabe existentes no galego. 

O AMIDO (Castelo -lugar de Trasbar)
Lugar onde abundan os amieiros ou ameneiros.

A ÁRBOL (Rúa)
O nome deste núcleo de poboación debe remitir a unha castelanización de árbore, nome común e transparente. Felizmente, o topónimo aínda conserva o xénero feminino, tal como corresponde en galego. É verdade que unha entre as variantes en galego do latín arbŏre figuran, ademais do estándar árbore, arbre, albre e árbol. 

Outras interpretacións, posibelmente máis improbábeis son a de Nicandro  Ares, que  propuxo que sexa  un  diminutivo *arvulum de arvum ‘campo cultivado’ ou un antropotopónimo que remite a unha vila dun home chamado Arborius. Por outro lado, Bascuas preguntouse se estes topónimos “son en realidad ‘árboles’ o encubren un viejo hidrónimo *arwor, confundido con lat. arbor?”. 

O Nomenclátor de Galicia amosa unha freguesía deste nome no concello de Vilalba e outra en Antas de Ulla, así como o composto Campo de Árbore no de Becerreá.

A ARMADA DA PENA (Castelo)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

A ARMAÑA (Lieiro)
Topónimo de orixe prerromana, relativo a augas ou correntes de auga.
Este é un topónimo interesante, por complementar o conxunto identificado por Edelmiro Bascuas entre os derivados do tema hidronímico paleoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse' (cf. E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 44 e ss.). 
En efecto, o sufixo que presenta, -aña, é típico en formacións de orixe prerromana, en particular en hidrónimos paeloeuropeos, e parece reforzar, por tanto, a interpretación prerromana destes topónimos apuntada por Bascuas.

ARNADO (San Román de Vilaestrofe)
AS ARNESAS (Cervo)
Algúns autores prestixiosos como E. Bascuas relaciónanos coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga".

Por outro lado, tendo en conta casos de Arnela moi claros, como o da praia de Viveiro, contigua á de Area, parece axeitado a derivación que fan outros autores para Arnado do latín *arenatus, o mesmo que "Arnela" do latín arenella. Porén, isto non explicaría os Arnoia, por exemplo, nin tampouco este As Arnesas.

O BACELO (Cervo)
O termo "bacelo" 'viña nova', termo común a galego e portugués. Navaza inclúe Bacelo e Bacelar na súa obra "Fitotoponimia galega" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Temos un topónimo "Bacelos" en Xove e "As Bacelas" en Burela.
A respecto da etimoloxía de "bacelo", Sarmiento, e despois Corominas derívano do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra orixe: Sobreira explica bacelo como variante de "barcelo" 'pequena barcia' "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego").A derivación de barcelo> bacelo que fai Sobreira non presenta maior problema fonético, e a contraria tamén tería explicación, pois o -r-, se non fose etimolóxico, trataríase dunha ultracorrección (cfr. Gocende>Gocendre). 

BAÍÑOS (San Román de Vilaestrofe)
Significado escuro. 
Poderíamos pensar nun diminutivo de "vao" (do latín vadum ‘paso dun río), pero non parece encaixar se temos en conta a existencia "A Baíña" existente en Ribadeo.

BALTAR (Cervo)
De (uilla) *Baltarii, forma en xenitivo de Baltarius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal). É un nome de orixe xermánica, formado a partir de balth- 'audaz' e harjis 'exército'. (cf. p. 226 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).
É importante notar que o feito de a orixe do nome ser xermánica non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Alta Idade Media.

A BANDEXA (San Román de Vilaestrofe)
Ver "Rego da Bandexa".

A BALSA (Castelo)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
Segundo F. Villar, derivaría da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s- (cf. de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana": 299).
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 315). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe preindoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

BAÑÁS, OS (San Román de Vilaestrofe)
A voz "bañal" aparece recollida no galego oriental coa acepción aproximada de "artesa" (cf. DdD). Noutras zonas, aínda que non aparece atestada, remite a unha vagoada que recolle as augas de chuvia, fontes ou rego.

Xa que logo, estes topónimos Bañal, rexistrados en Galiza (e fóra, como "Os Bañals" de Aragón), debe remitir tanto a un lugar en forma de vagoada, no que nalgúns casos podía quedar apozada auga.
Non moi lonxe, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra un "O Bañal", na Rigueira (Xove).

OS BARBEITOS (Castelo)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

A BARCIA (Castelo)
Unha "barcia" é un "terreo chan e cultivado, un campo chan" (cf. DdD), moitas veces ao pé dun río. 
Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois pasou a significar "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos se este é o caso.
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014: 154-155).

A BARROCA (Lieiro)
Unha "barroca" aludiría a un lugar do cal se extrae barro. Os dicionarios de galego recollen a acepción de "monte de barro ou lousa". Cf. DdD. Para o cognado portugués, os dicionarios recollen as acepcións máis xerais, de "barranco" e de "pequena porção de terreno, geralmente em declive e composto alternadamente de depressões e montículos" (cf Priberam).

BATÁN (Castelo)
O apelativo "batán" vén do latín battere, bater, golpear. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricados nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BEDRANCÓN (Cervo)
Grafía alternativa por "Vedrancón", aumentativo de "vedranco", e este á sua vez derivado de "vedro" co sufixo -anco.
O termo "vedro" é definido en galego como "os vestixios dos valadares de terra, dos cercados antigos dos montes, rozas, estivadas, etc" (cf. DdD). No portugués antigo tiña un significado similar: "valo, tapume, cómaro con que se cercan os campos e searas"  (s.v. "vedro", in Viterbo, "Elucidário", 1798). 
É de notar, tal como rexistan os dicionarios de galego, que nalgúns lugares "vedro" tomou a acepción máis específica de "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo", aínda que o máis probable é que se trate da acepción xeral indicada previamente.

BELÉN (Castelo -lugar de Trasbar)
Podería remitir a unha*(uilla) Bellenii, forma en xenitivo de Bellenius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal).
Por outro lado, Bascuas mencionba este topónimo como de posible orixe prerromana, derivado da raíz wel- 'xirar, remuíño' (cf. E. Bascuas, 2000. "Ulla, Veleia y otros derivados de la Raíz indoeuropea wel- "hacer girar" in "Veleia", Nº 17). 

BISADURAS (Castelo)
Grafía alternativa de "Vesaduras", e portanto derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).

A BODOEDA (Castelo)
O sufixo -eda indícanos que se trata dun termo abundancial, moitas veces referido a abundancia dun tipo de planta ou árbore. O máis probable é que se refira a "zona húmida", talvez con abundancia de xuncos, xunza ou similares, tal como detallamos de seguido.

Aínda que Navaza na súa obra de fitotoponimia non inclúe "budual" ou "budueda", si inclúe as formas similares "bodial", "bodiosa" e "budeiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Tendo en conta que en castelán están atestados bodenal e bodonal como 'xunqueira, terreo enlamado', e sendo bodonal o equivalente etimolóxico deste "budual", parece ser esta a interpretación máis plausible. En efecto, bodenal e bodonal foron analizadas por Corominas, así como as galegas "bodial", "budueda", que terían igual significado, simplemente muda o sufixo abundancial usado. 

Seguindo esta hipótese, queda a pregunta de se a motivación seria referida a unha "xunqueira" ou ben a un "terreo enlamado". A resposta parece dárnola a existencia de "bodonal" e similares co significado de  ‘zona húmida, charca’, cunha presenza en numerosos puntos das provincias de Zamora e Salamanca, "pero no en Castilla" (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Por outro lado, non podemos descartar que proveña de "bedueda", e por tanto indicaría un lugar onde abundan os bedueiros ou budueiras.

Atopamos tamén "Bodoedo" en Xove, que tería a mesma orixe, así como un "Budual" en Galdo, probablemente coa mesma orixe tamén, sexa cal for. 

O BORRALLO (Castelo)
O BORROALLO (San Román de Vilaestrofe)
Os apelativos "borrallo" e "borralla" defíneos o dicionario como "conxunto de residuos que quedan de algo que se queimou totalmente".
Probablemente estean referidos a actividades de "roza" no monte. Ver "A Roza".

A BRAXA (Castelo)
Topónimo de difícil interpretación. Moralejo Laso menciona para o topónimo "Braxe" a posibilidade de orixe céltica, en relación á mesma base do galo bragon 'pantano', de onde tería saído un brágina, que da mesma forma que o prerromano lagina deu laxe/laxa, tamén bragina tería dado Braxe e Braxa. (cf. A. Moralejo, 1981. "Notas acerca de algunos topónimos de la comarca de Betanzos" in "Anuario Brigantino").
Existe un "A Braxe" en Valdoviño e "Braxe" en Betanzos. Tamén existe un "O Braxal" en Carnota, cun sufixo indicador de abundancial, que parece confirmar que "Braxe" ou "Braxa" foron apelativos común que se conservou no romance. Posiblemente se tratase dun nome de planta ou árbore.
Finalmente, mencionar que o topónimo "Braxe" foi interpretado por Porto Dapena como orixinado no latín voragine 'abismo, profundidad inmensa de agua' (cf. A. Porto, 1986. "Estudio toponímico del ayuntamiento gallego de Cedeira"). Co máximo respecto para o profesor, non cremos que sexa o caso, entre outras razóns por aparecer o termo abundancial "braxal", que non encaixaría nesa interpretación.

A BREA (Lieiro)
Probablemente remita a unha "vrea" ("verea", "vereda").

BUSTELO (San Román de Vilaestrofe)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.

O lingüista J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, Miguel Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estáncia (para/de) vacas' , á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482) - cf. blog Frornarea.

OS CABALEIROS (Castelo)
Topónimo que remite ao apelido ou oficio do antigo posesor destas terras. A forma en plural do apelido é, en efecto, común na toponimia galega.
O apelido Cabaleiro ten presenza aínda na actualidade na Mariña, co cal semella plausíbel que o topónimo remita ao apelido.
Máis improbábel, podería remitir directamente a lugar pertencente aos Templarios, ainda que descoñecemos a historia destes lugares.

A CABORNA (Castelo)
Aínda que os dicionarios non asturiano caborniutronco hueco y añejo del castaño’ (X. L. García Arias, 2000. "Pueblos asturianos: el porqué de sus nombres"), semella máis probable unha referencia a "cova".
Como indica Pascual Riesco, a base estará no latín căvus, que interpreta outros topónimos Cabuernia e similar como en referencia a unha árbore de tronco oco ou a unha cova (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).
Atopamos, probablemente relacionados,  "As Caburnas" en Muras e nas Somozas. Con todo, tamén son relativamente frecuentes en Asturias os topónimos "Caburno" e "Caburna" (cf. aquí), igual que existen en paralelo Cabuernia. Xa que logo, poderían ter a mesma raíz pero poden ser distintos termos, dada a duplicidade ben preservada tanto en galego como en asturiano, -orna=-uernia, fronte a -urna=-urna.

O CACHÓN (Rúa)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (Castelo)
CADAVEXO (San Román de Vilaestrofe)
Un "cadaval" designa un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DdD).
No caso de "Cadavexo", corresponde cun diminutivo de "cádavo".

SUCAÍNZO (Lieiro)
Sintagma remitindo a un "lugar situado ao pé dun caínzo". Nótese que por veces interprétase a preposición "su/sob" como "debaixo de", mentres que na toponimia tiña un valor menos restrinxido.

En canto ao termo "caínzo", un caínzo ou canizo designa unnha armazón ou tecido de varas, en particular de canas. Constantino García resume as múltiplas acepcións derivadas:
 "armazón formado por unas tablas y un entretejido de cañas, varas o mimbres que tiene muchos usos: lateral del carro para sostener la carga; rastro para allanar la tierra después de arada; portilla de una finca; verja; recipiente que recibe las uvas para ser prensadas; cubierta que se coloca al comienzo de la campana de la chimenea y sirve para secar castañas y otros productos; cubierta sostenida por unos palos que hace el servicio de alpendre, etc".
Rivas Quintas recolleu ademais a acepción de "Canaval" (lugar onde abundan as canas ou canaveiras), que pode ser a motivación de parte destes topónimos.
Un "caínzo",  na toponimia galega, é un termo frecuente que pode referir a algunha construción ou armazón (talvez unha pesqueira no río) feita de canas ou vimbes. Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, nunha trampa feita de canas, ou incluso nunha cancela feita de tales materiais. Tamén encaixa unha adxectivación, de "terreo canizo", onde abundan as canas, tal como recolleu Rivas Quintas.
Por outro lado, seguindo a Navaza, encaixaría noutros topónimos tamén a a acepción de "Pesqueira" da voz "cañizo" (semella castelanismo) recollida por Eladio Rodriguez no seu dicionario.

O CALVARIO (San Román de Vilaestrofe)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

A CALVELA (San Román de Vilaestrofe)
AS CALVELIÑAS (Lieiro, San Román de Vilaestrofe)
OS CALVOS (Castelo)
Os topónimos "Calvo", "Calva", "Calvelo", "Calvela" e "Calveira" refiren metaforicamente a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva, que daquela se atoparía no medio dun bosque.
Canto a "Calveliñas", trátase do diminutivo de "Calvelas". 

CALZADA, A (Castelo)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

O CAMBEIRO (Rúa)
OS CAMBEIROS (Rúa)
Probablemente alude ao alcume dun antigo posesor do predio, facendo referencia ás características das pernas e ao modo de andar. É formado a partir da base camb-, a mesma de cambelo / cambela e cambés/cambesa (‘estevado, de pernas tortas’) e de cambelas, na frase "facer cambelas" ‘facer eses ó andar’ (cf. DdD).

É un topónimo relativamente frecuente, así nesta área atopámolo en Adelán (Alfoz) e mais en Silán (Muras).

Por outro lado, o termo "cambeiro" tén outras acepcións (cf. RAG), aínda que encaixan pior como topónimo ("gancho"; "caínzo").
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con fabricante de cervexa.

CAMPO DOS BOIS, O  (Castelo)
Aínda que en xeral para o termo "boi" é difícil diferenciar as alusións aos animais deste nome fronte ás de rochas e penedos, neste topónimo semella ser probable o significado transparente relativo ao animal.
Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.

Dada esta homonimia, en xeral é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois" teña unha orixe litonímica.
Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.
Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades. 

O CAMPÓN (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
OS CAMPÓS (San Román de Vilaestrofe)
O dicionario define "campón" coas acepcións de "prado de secaño de moita extensión", e máis "terreo que despois de ser cultivado se deixa a campo". Cf. RAG.

A CAMPOSA (Castelo)
A CAMPOSA LONGA (Castelo)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

AS CANDAS (Rúa)
O apelativo "canda" é sinónimo de "garabullo", tamén chamado "cando".

A CANDORCA (Castelo)
O termo "Candorca" probablemente derive de "cando". 
O termo "cando", segundo Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado" (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).  Abondan, así,  os topónimos "Candaedo" e similares. Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo 'brillar, arder'. Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando". 

A respecto do elemento -orca, García de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

Con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo en Galiza.

OS CANGOS (Rúa)
Un "cango" é definido no dicionario como as táboas onde se poñen as lousas do tellado. Outra acepción é a de "pau groso malformado". Ambas as dúas acepcións están relacionadas: xeralmente os cangos dos lousados aproveitaban paus tortos.
Interpretación incerta. Poderá talvez remitir a un alcume duns antigos posesores ou a unha plantación de árbores tortas, talvez castiñeiros.

O CANTIÑO (San Román de Vilaestrofe)
Ver "O Canto".

O CANTO (Castelo)
O CANTO DO PAZO (Castelo)
O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente certo en "O Canto do Pazo", ou noutros topónimos como "O Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.
Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
É un topónimo frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño.

CARBALLA (Rúa)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario. O topónimo aludirá, xa que logo, á existencia dunha carballa que representaba unha referencia no territorio, e talvez delimitaba as lindes de propiedades.

CARBALLEIRA DBATÁN (Castelo)
O termo "carballeira" é transparente: lugar poboado de carballos.
Ver "O BATÁN".

O CARBÓN (San Román de Vilaestrofe)
A produción de carbón vexetal, con combustión controlada (con pouco oxíxeno) de árbores e ramas, tivo importancia histórica, sendo usada para fines pre-industriais como uso nas forxas e ferrarías.

CARDIDE (Lago)
Posiblemente o mesmo que "cardal", cardido, "sitio onde abundan os cardos". Cf. 
DdD.

O CAROZO (Lieiro)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor destes terreos. 
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado como caroço no séc XIII  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

A CARRANCOVA (Castelo -lugar de Trasbar)
Posiblemente teña igual ou similar significado ao rexistrado no galego da zona das Médulas (León), no cal se conserva a voz carrancova "Calvelo, lugar sen vexetación" (cf. aquí).

CARREIRA (Castelo)
O apelativo "carreira", presente no galego, remite a unha (vía) carreira, un camiño feito para a pasaxe de carros ou incluso á presenza de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria,  feminino  do  adxectivo  carrarius,  derivado  do  substantivo  carru (> galego carro), un termo céltico que incorporou o latín.

O Nomenclátor rexistra o topónimo A Carreira noutros 44 concellos galegos, así como a forma en plural As Carreiras, nos concellos do Barco de Valdeorras, Lalín, Mañón, Monfero e A Pastoriza. Tamén encontramos ambas singular e plural sen artigo Carreira  en  Ames,  Padrenda,  Ponteareas,  Taboada  e  Zas;  e  Carreiras  en  Lalín,  Lobeira e Pontecesures. Alén diso, forma parte de nomes de lugar compostos, como Bocacarreira (Begonte), A Carreira Vella (Outeiro de Rei) ou Ponte Carreira (Frades). 

OS CARROCEIROS (San Román de Vilaestrofe)
Gonzalo Navaza recolle este topónimo no seu estudo de fitotoponimia, citando a interpretación que fixo Piel para este topónimo, adscribínoo á planta chamada "carrizo". Menciona ademais que posteriormente J. L. Pensado, en base aos documentos do P. Sobreira confirman plenamente esta adscrición (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Por outro lado, os dicionarios non nos aportan máis pistas, pois definen "carroceiro" con acepcións pouco ou nada axeitadas para un topónimo.

Finalmente, é de notar que tampouco encaixaría e a interpretación máis simple, de se tratar do alcume (estraño) dos posesores do terreo. De feito, ao atoparmos máis "Carroceiro(s)" na xeografía galega, non encaixa tal suposición, pois sería improbable tal abundancia dese alcume dando nome a tantos topónimos. Atopamos, por exemplo, os topónimos "O Carroceiro" e "Os Carroceiros" en Cariño.

CARTAS (Cervo)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa, máis improbable, é a de referencia á "carta" de posesiónpois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

A CASA DE SENRA (Cervo)
Ver "A SENRA".

A CASA DCASAL (Rúa)
Ver "O CASAL".

O CASAL (Rúa)
OS CASÁS (Cervo)
Voz transparente, que procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASAL DFAÍDO (Castelo -lugar de Trasbar)
Para "casal", ver "O CASAL".
En canto ao termo "faído" indica un lugar onde terían abundado as árbores chamadas faia, termo do latín (materia) fāgea, de fāgus.

CASMAIO (Rúa)
Derivado de "Casa Maio", onde Maio remite ao nome ou sobrenome dun antigo posesor.
Aínda que o apelido Maio non o atopamos na actualidade, si que está confirmada a súa existencia, polos topónimos Pormaio en Mañón e no Valadouro, procedentes dun "Pero Maio"(cf. X. L. González. "O nome Pero na microtoponimia")
O alcume basado nos meses do ano, co seu posterior paso a apelido, é frecuente en Galiza, así se atopan os apelidos Janeiro, Febreiro, Marzo, Abril, .. (cf. Apelidos de Galicia). 
Volvendo ao caso que nos ocupa, tamén rexistra o Proxecto Toponimia de Galicia un Casal de Maio en Castro de Rei, así como un Porto Maio en Aranga e un O Maio en Muros.

CASÓN, O (Rúa, Castelo)
A voz "casón" é o aumentativo de "casa". En xeral, "casón" pode interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial".
No caso que nos ocupa, O Casón atópase ao pé do Pazo, ou Casa Grande de Augas Santas, o cal confirma a interpretación que indicamos para Casón.

CASTELO (Castelo)
O CASTELO GRANDE (Castelo)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

O CEPADAL (Cervo)
Probablemente de "Cepedal", abundancial de "cepo", lugar onde hai cepos.
No entanto, dado que existen varios "O Cepetal" en Xermade, Muras, Galdo, e que existe tamén "O Zopetal", non se pode descartar que "cepadal" sexa unha "etimoloxía popular" de "Cepetal", o cal tén significado incerto.

CERNADA (Castelo)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DdD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Indica Risco: 
"Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía".  Vicente Risco, "Terra de Melide".

CERVO (Cervo)
Aínda que pareza transparente a referencia ao animal dese nome, non parece que sexa o caso, senón que se trata dunha forma con orixe prelatina, da mesma familia de topónimos como Cervantes, Cervaña, Cérvora, Cervia (a actual Servia), todos coa mesma raíz e de clara orixe prerromana, cos sufixos típicos da toponimia de orixe prerromana -nt-, -aña, -ora, -ia.
Ademais do anterior, outra razón a considerar é que resulta infrecuente un topónimo co nome dun animal en singular sen formar parte dun sintagma máis amplo, como "Rego do Cervo" (algunha vez podería ser usado metaforicamente para nomear a súa abundancia, pero é caso moi raro).

Canto á orixe prerromana concreta, é difícil de establecer, posiblemente a mesma que indica Moralejo para o topónimo "Cervantes" (cf. aquí), a raíz indoeuropea *(s)kerbh- 'afiado', da que deriva a forma protocelta *kerbo- 'puntiagudo, afiado', ou o letón skarbs 'afiado, agudo'. Indicaría, talvez, por tanto, unha elevación do terreo ou un terreo rochoso.

No século XVIII atopámolo atestado como "Cérbo" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
No Diccionario de Madoz (séc. XIX), indícase que consta de 220 casas, e conformado polos lugares de:
"Casas-Nobas, Cerbo, Cuiña, Dayan, Espiñeirido, Fontao, Roeta y Vilasuso"

O CHAO DE MADRIÑÁN (Rúa)

O nome destas terras pode remitir a unha persoa apelidada Madriñán (apelido de orixe detoponímica) ou ben directamente aludir a unha (uilla) Materniani, unha granxa ou explotación agrícola altomedieval que tería existido nese lugar, propiedade dunha persoa chamado Maternianus, nome de orixe latina. 
A rentes deste lugar pasa o Rego de Madriñán, polo que ou o rego deu nome a esta parcela ou ben, se foi unha antiga uilla, esta deu nome ao rego. Igualmente o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra o  Rego de Madriñán que pasa por Miñotos (Ourol).
O Nomenclator rexistra s freguesía Madriñán (Lalín, Po), que remite tamén a unha (uilla) Materniani.

O CHAO DO TESOURO (Rúa)
Ver "O Tesouro".

A CHAVIÑA (Rúa)
Probabelmente diminutivo de "Chave", relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un 
“recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário).

Aínda que moi improbábel, tratándose dunha zona de prados, e dada a abundancia do topónimo "A Chave" por toda a Mariña, tampouco podemos desbotar neste caso, sendo un núcleo de poboación, que derive de *(villa) Flavina, dun antigo posesor chamado Flavinus, hipocorístico de Flavius, nome de orixe latina.

OS CHOPES (Cervo)
O termo "chope" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "pedazo pequeno dun monte cercado."
O Proxecto Toponimia de Galicia rexístrao en varios concellos de toda Galiza, como en Muras, na Estrada, etc.

A CHOUSA DA ESTIVADA (Rúa)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 

O termo "estivada" ou "estibada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega", así como a información indicada no dicionario de Eladio Rodríguez (cf. DdD).

A CHOUSA DA ROZA (Castelo)
A CHOUSA DOS FEÁS (San Román de Vilaestrofe)
Unha chousa refire a unha finca cercada. Vén do latín clausa(m).
Para "Roza", ver "A Roza Vella".
Para "Feás", ver "OS FEÁS".

O CODORRAPACES (Cervo)
Forma composta, de "O Con dos Rapaces", sendo "con" o apelativo para "penedo que sobresae na costa", o cal encaixa neste caso.

O COÍDO (Cervo, Lieiro)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros".

A CONGOSTRA (Rúa)
A CONGOSTRA CHÁ (Rúa)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. 
Pode ser sinónimo de "corga, córrego". 
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. Cf. DdD.

CORNAS (Sargadelos)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

AS CORTICEIRAS (Cervo, Sargadelos)
O apelativo "corticeira" designa a árbore tamén chamada "Sobreira" 'quercus suber', da que se tira a cortiza.

A CORTIÑA (Cervo, Castelo, Lieiro, Rúa, Sargadelos)
AS CORTIÑAS (Cervo)
O apelativo "cortiña" vén do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulu(m), ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que polo xeral estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTOIRA (Castelo)
O termo "costoira" provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén coa variante "costoura", da mesma orixe. 
Relacionados con este, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver blog Pena da Cataverna.

O COTO DE MOMPODRE (Rúa)
Un "coto" designa a "parte máis alta dun monte, que ten forma cónica".
O termo "Mompodre" é un composto de "Monte Podre". Aquí "podre" debe indicar a existencia de augas estancadas ou de lamaceiras.

O COUZO DA CHOUSA (Rúa)
Un "couzo" é o mesmo que "couce", termo con múltiples acepcións, que nestes casos viría de calce  "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Refire, por tanto, a un canto ou curruncho da chousa.

O COVELO (Castelo -lugar de Trasbar)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008. "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

A CRUZ DE PEDRÓN (Rúa)
Segundo os dicionarios, o apelativo "pedrón" indica unha pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo (cf. DdD).
Os topónimos Padrón, Pedrón e Padornelo fan moitas veces referencia a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV: 
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Por veces estes "Pedrón" e "Padrón" corresponderían con demarcacións de territorios na época medieval. 

Por outro lado, Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

CUBELAS (Lieiro)
De "Covelas", diminutivo de "cova", ben no sentido de "furada", ben no sentido de escavación ou sepultura.

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

CUÍÑA (Cervo)
Hai controversia na interpretación dos abundantes topónimos galegos "Cuíña", que comparten orixe etimolóxica cos Cuña e os seus equivalentes portugueses Cunha.
Por unha banda, autores do prestixio de Martínez Lema interprétana como correspondente co apelativo "cuíña" 'pequena elevación do terreo'. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. DdD).
Aínda que se podería pensar na voz patrimonial equivalente a "colina 'outeiro', a voz colina co sentido orográfico trátase dun italianismo introducido no séc. XVII (cf. Corominas, DCECH). Ademais, se viñese do latín collis/collina daría **coliña, non coíña/cuíña.

Por outra banda, se derivan da forma medieval "colina" (tal como figura atestado no caso dunha Uilla Colina), os rexistros medievais non parecen remitir a colinas orográficas senón a elementos moito máis definidos e delimitados na paisaxe (cf. CODOLGA):
(800) - Floriano,DiplomáticaAstur (800):
" .. et vadit ad illo pino, deinde ad colina et vadit ad via Angustina .." 
Floriano,DiplomáticaAstur (831):
" .. seneras uel quidquid ibidem est; et ad Bellenia colina et horreum, binia de Armentari ..."
Andrade,CelanovaTbo (885):
[...] integra vinea, pumares, ceresales, perales, ipsa colina medietate, et de ipso lagare de tercia medietate integra [...]
SáezE,CelanovaCD (935):
[...] , et alia uinea que comparauimus de Tano, et colina integra, et de alias mazanarias et ceresales  [...]
Andrade,Celanova (1009):
[...] vinea ad casa de Gundemaro, levat se de illa colina et vai per succo de Daniel [...]
Lucas,SamosTbo (1026):
[...] suo germano Stevano et de sua suprina pumare super illa colina ; [...]
Lucas,SamosTbo (1052) :
[...] et que vendivit domno Fredenandiz ad illa colina sua tercia in illo ortale [...]
Andrade,CelanovaTbo (1075):
[...] integra in vineas, in pumares, ceresales, ipsa colina media et ipso lagare de tercia medietate  [...]

Esta interpretación tampouco encaixa para o topónimo O Cuiñal (Celanova, Ou), pois un abundancial de outeiros non tería sentido. Tampouco encaixaría para A Cuiñeira Grande (O Grove, Po).
Nicandro Ares interpretou os topónimos "Cuíña" como talvez 'lugar de coios ou de coles'.

AS CURUXEIRAS (Rúa)
Unha "curuxeira" designa, metaforicamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos, con vexetación frondosa". Cf. DdD.
É un topónimo relativamente frecuente, así atopamos outro por exemplo en Ribadeo.

DAIÁN (Cervo)
De *(uilla) Dadilani, forma en xenitivo de Dadila, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). 
O nome Dadila ten orixe xermánica, o cal non quer dicir que o posesor deste lugar tivese esa orixe, senón que eran nomes "de moda" na alta Idade Media.

AS DAIANAS (San Román de Vilaestrofe)
Terras que pertenceron a unha persoa de Daián (Cervo), ou apelidada "Dayán", apelido presente soamente nos concellos limítrofes e, como tal, remitindo a unha persoa oriúnda do lugar de Daián.

A CASA DAS DONAS (Castelo)
AS DONAS (
Castelo -lugar de Trasbar)
No galego medieval o apelativo "dona" era usado maiormente para as mulleres da nobreza e en particular para para referirse ás monxas, freiras ou abadesas.
Donas, procede do latín medieval dŏmna, redución de domina ‘dama’, que na Idade Media era sinónimo de monxa, freira. 
Rivas Qintas indica tamén o uso no folklore, onde "dona" alude a unha 'ninfa', "con semántica igual a xana" (cf. E. Rivas. "Toponimia de Marín").

Este topónimo debe remitir, xa que logo, a un establecemento cenobio ou convento de freiras, ou tamén á propiedade eclesiástica sobre este lugar.

A forma Donas está presente no nome de nove lugares: Casadonas (O Saviñao), Chao das Donas (O Bolo), Donas (Boqueixón), As Donas (Cervo e Friol), Outeiro de Donas (Antas de Ulla), Río das Donas (Alfoz), Vilar de Donas (Palas de Rei) e Vilardonas (Ribas de Sil). Donas tamén é nome de parroquia nos concellos de Gondomar e Boqueixón.

O EIXO (San Román de Vilaestrofe)
Topónimo de difícil interpretación, tanto para este lugar como para lugar d'O Eixo de Fazouro, o de Cerdido, etc.  A priori, semella un claro galego eixo, latín axis, pero a motivación para ese significado tórnase complicada. Segundo Bascuas,  é probable unha orixe hidronímica, nunha forma prerromana indoeuropea *aps- 'auga' (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Para o caso que nos ocupa, puido ser o núcleo de poboación o que tomou o nome do Rego Eixo.
Este topónimo debe ser a orixe do apelido Eijo, coa forma castelanizada. En efecto, está extendido pola Mariña case exclusivamente, e ten a maior frecuencia neste concello (cf. Apelidos de Galicia).

A ENCRUCELADA (Castelo)
Topónimo transparente, sinónimo de "Encrucillada" e de "Crucelada", e que alude a un cruce ou confluenza de camiños. 
Os cruces de camiños tiñan gran carga simbólica, mítica e relixiosa, xa desde os romanos polo menos. Neles enterraban os que morrían sen batizar, e neles detíñanse os enterros para rezar. Tiñan lugar ritos máxico-relixiosos como os de colocar pucheiros, con moedas ou con outros obxectos. Semella tamén que se daban neles rituais de fecundación ou a cura do "ollo-mao".
Canto ao topónimo, segundo o Proxecto Toponimia de Galicia, a variante "Encrucelada" dáse maiormente na área Mindoniense, maiormente no oeste desta área, de Ferrol ata Cervo. Non é, con todo, exclusivo desta área, así por exemplo recólleo Xabier Moure no Concello de Pedrafita.

O ESCAIRO (Castelo, Rúa, Sargadelos)
O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

O ESCALEIRO (Castelo)
O mesmo que "escairo", aínda que neste caso conservou o "-l-".

A ESCALLA (Cervo)
A ESCALLAR (San Román de Vilaestrofe)
Aínda que non recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega, tanto "A Escalla" como "Escallar" semellan indicar un abundancial, un lugar onde abundan os "escallos" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto", aínda que hai outras acepcións, que detallamos nesta páxina na entrada "Os Escallos".
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén un "O Escallar" en Burela e "O Escallal" no Valadouro.

OS ESCALLOS (Rúa)
Remitindo a un "lugar onde hai escallos", aínda que non fose recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega. 
O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto".

Por outro lado, noutras xeografías próximas atopamos outras acepcións: o filólogo García de Diego recolleu variadas acepcións fitonímicas, entre elas o asturiano escayu ‘zarza’, o cántabro escajo ‘toxo’ o el portugués escalheiro ‘silveiral’. No mesmo sentido, para o portugués escalheiro indica que 
"se usa tanto para ‘espino, Crataegus monogyna’ como para ‘galapero, peral silvestre, Pyrus sp.’ " (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Todos as acepcións mencionadas estarían en relación co baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito')
Considerando esa etimoloxía, hai quen o interpreta como "un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto" (cf. aquí). Rivas tamén menciona esta orixe (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007).

Atopamos tamén "A Escalla" na parroquia de Cervo e A Escallar en San Román de Vilaestrofe, e xa fóra do concello, un "O Escallar" en Burela e "O Escallal" no Valadouro.

ESCORA, A (Rúa)
ESCORA, REGO DA (Rúa)
Alusión á "escoura" ou escoria (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro").
Non parece encaixar a acepción de escora como "esteo, arrimo, puntal", como parece confirmar o mencionado "Rego da Escora".
Ver "A ESCOURA".

A ESCOURA (Rúa)
A escoura ou escoria designa a pedra de cor do ferro ou "residuo de carbón e ferro", unha substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Por extensión, pode simplmente aludir a un "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras"

O ESCOURIDAL (Rúa)
ESCOURIDO (Castelo)
Tanto "Escourido" como "Escouredo" como "Escouridal" son topónimos frecuentes en Galiza e remiten a un lugar no que se deposita ou abunda a escoura, pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro", e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").
Ver "A ESCOURA".

ESPIÑEIRIDO (Cervo)
Topónimo transparente: lugar onde abundan ou abundaron os "espiños".

AS ESQUEIRAS (Sargadelos)
Unha "esqueira" é, polo xeral, sinónimo de "escada". Por veces, "esqueira" refire en particular á "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. DdD.

O ESTALEIRO (San Román de Vilaestrofe)
O nome deste monte debe remitir ao alcume ou oficio dun antigo posesor. 
Na Idade Media designaba o oficio do que coidaba unha estrabariza (curral de cabalos).

A ESTIBADA (Rúa, Castelo)
AS ESTIBADAS (Rúa)
Grafía alternativa por "estivada". Ver "A Chousa da Estivada".

O ESTIBO (Castelo)
O dicionario define "estivo" como "terreo labradío con varias parcelas de distintos donos".
Posiblemente orixinado nunha estivada (roza). Ver "A Chousa da Estivada". 

O FARILLÓN (Rúa)
O termo "farillón" non vén no dicionario de galego, pero si aparece no de portugués, así como no vocabulario de termos mariños d'A Mariña recollidos por Paco Rivas, que define “farillón” como 'illote ou rocha alta, escarpada, no mar ou na costa' (cf. F. Rivas "Entre o abalo e a zaranda")
É, por tanto, sinónimo de "farallón", que define o DRAG como 'rocha alta, moi próxima á costa, que sobresae moito mesmo na preamar'.
Hai tamén os topónimos "Farillón Alto" e "Farillón Pequeno" na costa de Ferrol.
No caso que nos ocupa, descoñecemos a situación exacta, mais tamén podería tratarse metaforicamente dun penedo que sobresae, aínda sen ser na costa.

OS FEÁS (San Román de Vilaestrofe)
Plural de "feal", herbal, terreo que produce "feo", herba para forraxe, por veces o silvestre (Deschampsia flexuosa).
Por extensión,  “feal” indicaría “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
         “ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).

FERROLAS (Rúa)
Topónimo que alude a "(terras) ferrolas", pertencentes a unha persoa oriúnda de Ferrol (A Rigueira). É unha construción adxectival/posesiva típica na toponimia galega.

A FESA (Cervo)
O adxectivo "feso" ten o significado de 'fendido' e deriva do latín fisso 'fendido'. O topónimo remitirá a unha pena fendida situada na pequena foz costeira á que dá nome.
É un topónimo relativamente frecuente, así atopamos Pena Fesa en San Saduriño, Penefesa en Monfero, ou Parafesa (de "pedra fesa") en Ferrol, e A Pedra Fesa en Vimianzo.
Esta interpretación dálla tamén Cabeza Quiles ao illote preto de Perbes chamado "A Fesa" e que se trata tamén dunha grande rocha fendida.

FIGUEIRIDO (Sargadelos)
Topónimo transparente: lugar onde abundan (ou abundaron) as figueiras.

A FIONZA (Sargadelos)
Este lugar de "Fionza" figura con este nome no 1752, no Catastro de Ensenada de Sargadelos, ao referir a existencia dun muíño.
Debe remitir ao nome dunha antiga posesora do lugar, xa que este nome figura atestado como nome de muller no ano 934, segundo Boullón Agrelo, que o etiqueta como "de dificil interpretación"; pode tratarse dun derivado do latín fides. Menciona tamén a existencia do equivalente masculino Fioncius, atestado en Cantabria no ano 790 (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Para Menéndez Pidal é posiblemente prerromano, relacionado con "Fión" e "Fiobre". 
É importante notar a existencia doutro núcleo de poboación chamado "A Fionlla" en Barreiros, posiblemente relacionado.
Existe "Navia de Fiuncia" en Salamanca, que tamén se podería interpretar como nome de muller.
Canto á orixe deste antropónimo, Boullón Agrelo tamén menciona a posibilidade etimolóxica dunha orixe xermánica en Fili-gundia, de evolución similar á de Aldonza < Aldegundia.

FOLES, OS (Castelo)
Topónimo que debe remitir ao sobrenome Fole, en canto a súa caracterización física, dun antigo posesor  deste lugar.  Este alcume xa está atestado no séc. XII :
"conf. Munio Fol"1156 (cf. CODOLGA), 
"ego Adefonsus Garcia, cognomento Fol .." 1164 (cf. CODOLGA). 
Tamén figura como apelido, aínda que non é frecuente nesta zona actualmente (cf. CAG).
Alternativamente, non se pode descartar que aludise a algún feito anecdótico, pero  é máis improbábel. 

FOMEÁS, AS (Sargadelos)
Topónimo remite a unha "Fonte Meá", fonte caracterizada como "mediana", no senso da súa situación relativa a dous lugares referentes.
O paso de Fomeá para Fomeás é típico na microtoponimia, para marcar a multiplicidade de fincas do lugar.

FONSORRUBO, O (Cervo)
O nome deste lugar provén de (A)Fonso Rubo, nome dun antigo posesor do lugar. 
A forma Rubo é a variante mariñá das formas roibo/rubio usadas noutras zonas de Galiza, e foi o alcume ou apelido.
É un caso similar ao Fonsavidal (Vilaronte), atestado no s. XVIII como Fonso Vidal.

FONTAMAR (Cervo)
Ao quedar o lugar ao rente do mar, o máis probable é a orixe nunha "Fonte (do) Mar" ou "Fontá (do) Mar", remitindo á súa situación. 
Tampouco podemos descartar unha orixe nunha Fonte Amar,  de Amari, xenitivo de Amarus, ou de Ademari, xenitivo de Ademarus, que remitiría ao nome de antigo posesor, que arranxou a fonte.

Aínda que menos probábel, non podemos descartar de tratarse *amar dun termo de orixe antigoeuropea (e por tanto, precelta), derivado da raíz indoeuropea *am, frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana, e cun significado relativo a "suco, canle, cavar" (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 212). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

FONTAO (Santo André de Boimente)
O FONTAO (Lieiro)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente  derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").

Outra posibilidade sería derivado dun posesor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles). No entanto, esta hipótese é improbable ao non ser este topónimo un núcleo de poboación e levar artigo diante.

A FONTE DA AGUIEIRA (Castelo)
Alude a un lugar frecuentado polas aguias ou onde aniñan. Pode tratarse dunha referencia metafórica, aludindo á situación e orografía do lugar.


FONTE DA POLTREIRA (Cervo)
Ver "As Poltreiras".

AS FORCADAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Posiblemente relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal). Temos neste concello igualmente o topónimo "O Forcón", cunha alusión probablemente similar.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.
Na toponimia atopamos frecuentemente a aplicación de termos derivados de forca para referirse a confluencia de ríos ou regatos.

O FORCÓN (Castelo, Rúa, San Román de Vilaestrofe)
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia deste e doutros derivados de "forca" é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato. 
Tamén podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
No casos que nos ocupa, é moi probable a alusión a bifucación de regato. De feito, para o caso d"O Forcón" da parroquia de Rúa, atopamos tamén "O Rego do Forcón" que confirma esta interpretación.

O FOXO (Castelo)
O FOXO DO POMAR (Castelo)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: 
"era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor 
"desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

A FRAGA DO MOSQUEIRO (Rúa)
Ver "O Mosqueiro".

O FREIXO (Rúa -lugar do Freixo)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".
É un topónimo frecuente en Galiza.

O GALO (Cervo)
Debe remitir ao apelido ou alcume dun antigo posesor da finca.
Xa aparece mencionado un "filius de Froyla Galo" no Tombo de Toxos Outos, e un "Alfonsus Galos" en Santiago no séc. XV (cf. CODOLGA).
Aínda que se podería pensar nunha alusión ao zoónimo galo (< latín gallus), para un topónimo en singular isto sería moi improbábel. 

GONDRÁS (Lieiro)
De (uilla) *Gundilanis, forma en xenitivo de Gundila, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola, casal") altomedieval. 
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

O GUEIMIL (Cervo)
Probablemente proveña dunha (uilla/fundu) Guinimiri, indicando unha antiga propiedade dunha persoa chamada Guinimirus, nome de orixe xermánica (de weniz 'amigo' e -mirus 'famoso').
No entanto, non atopamos atestado este nome en Galiza, e tampouco corresponde cun núcleo de poboación, polo que esta orixe é apenas unha hipótese con reparos.

O ILLÓ (Castelo)
O  termo "illó" designa un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. DdD).
A orixe é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, aínda que outros (e.g. E. Bascuas) derívano dun termo prerromano paleoeuropeo a partir da raíz indoeuropea *wel- 'xirar' (cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A INFESTA (San Román de Vilaestrofe)
O mesmo que "enfesta" 'Parte máis elevada dun terreo. Costa que descende a un fondal.' (RAG), 'cume, pico, lugar alto'. Cf. DdD.

LAGAS (Cervo)
O termo "laga" significa "remanso no río", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'".

LAGO (Lago)
Significado transparente. Este topónimo figura atestado no 1128 nun documento de Afonso VII "ad aquam de Lacu" (cf. "España Sagrada"). 

AS LAMESTRAS (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove), "Rego da Lamestra" en Alfoz, etc.

LEAS (Castelo)
LEAS (San Román de Vilaestrofe)
Ambos os dous microtopónimos quedan á beira de regatos, un deles o Rego de Leas.
Acostuma ser interpretado como hidrónimo de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacíbeis, en remanso'.
É de notar que Machado refírese a Lena como nome prerromano “talvez ligado ao pré-celta lena, ‘grande pedra chata’, ‘lousa” (cf. J. P. Machado, 2003. "Dicionário onomástico etimológico da língua portuguesa"); no entanto,  dada a situación dos distintos "Lea", seméllanos máis probábel a interpretación como hidrónimo.

Deste modo, os topónimos Leas estarían relacionado con outros  como  Ribeiras de Lea, co'As Leas no Valadouro ou co asturiano Llena. Podería ter relación co topónimo LIEIRO, que dá nome a outra das freguesías deste concello.

É de notar que, dada a súa presenza en hidrónimos, cremos improbábel que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', ademais de que non encaixaría para un topónimo relativamente frecuente.

LIEIRO (Lieiro)
Este topónimo, que dá nome á freguesía, ten unha orixe incerta.  
Podémolo pór en relación co topónimo LEAS indicado previamente, de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. O sufixo -eiro daríalle un sentido de abundancial, de lugar onde abunda a *lea. 
No occidente de Asturias atopamos a enseada d'A Lieira, que podería ter a mesma orixe e significado. Con todo, esta pode non gardar relación, pois no galego máis oriental “lieira” corresponde coa forma estandar “liñeira” ‘terreo no que hai sementado liño’.

Porén, aparece como Liario nun documento en latín do séc. XII :
sancta Maria de Burela sancta Maria de Ceruo sancta Maria de Liario sanctus Iulianus de Salgadelos (cf. CODOLGA).
No entanto esta forma Liario, tan tardía xa como o séc. XII, semella apenas un mero latinismo.

Da mesma orixe podería ser a tamén freguesía de Leiro (Ribadumia, Po), que aparece atestada como Leeyro no séc. XIII (cf. CODOLGA):
[...] Nunonis, filia quondam Nunonis Pelagii, dictus Fol de Leeyro , et omnis vox mea, grato animo et spontanea [...]
[...] Fernandus Gomez, fratres, filii de Gomez Pelagii de Leeyro.
[...] . et quot V° idus maii. Notum sit omnibus quod ego Marina Nunonis, filia quondam Nunonis Pelagii de Leeyro et omnis vox mea, vobis domno I. Alfonsi, abbati Sancti Iohannis de Podio omnique voci ipsius monasterii [...]
Trataríase da evolución alternativa con contracción ou crase do hiato -ee- en -e-.
Por outro lado, Luz Méndez  remite  Leiro á voz común dese nome, do latín lariu (cf. Luz Méndez: "Leiro", en "Toponimia de Galicia e Portugal", proxecto integrado en "Toponomasticon Hispaniae"). 

Alternativamente, aínda que menos probábel, podería ser interpretado como con orixe nun antigo nome de posesor Ligarius, atestado no séc. I na Península Ibérica (cf. W. Schulze, 1966. "Geschichte Lateinischer Eigennamen": 358).

LIÑAR (Castelo)
Fitotopónimo transparente, remitindo a terras nas que se cultivava o liño, aproveitando a boa calidade da terra.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

AS LOBEIRAS (Rúa)
O nome "lobeira" remite, real ou metaforicamente, a un "sitio, gorida de lobos" (cf. DRAG).

O LODEIRO (Cervo)
OS LODEIROS (Cervo)
O termo "lodeiro" remite a unha lameira, terreo con lama. 
Alternativamente, ten tamén a acepción de árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus", aínda que é máis improbable.

AS LÓNGARAS (Lieiro, San Román de Vilaestrofe)
Este topónimo alude a (terras) lóngaras, 'terras alongadas'. En efecto, o termo "lóngara" está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas). 
En canto á etimoloxía, o termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 :
estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra (cf. CODOLGA)
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.

LOURIDO (Castelo)
Un "lourido" é un lugar onde abundan os loureiros.

O MACHUCO (Rúa)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción de "mazo", do latín marculum 'martelo pequeno'. Remite á existencia dun  mazo hidráulico, movido pola forza do río.  Tamén podería ser que remita a unha "Casa de machuco", nome aínda usado no século XVIII para se referir, por extensión, a unha ferraría.

MARIÑALBA (Rúa) 
MARIÑANES (San Román de Vilaestrofe) 
A orixe destes topónimos está nos sintagmas nominais  "(terra de) Mariña Alba", e "(terra de) Mariña Eanes", respectivamente, referindo ao nome e apelido da antiga posesora desta finca. 
Co mesmo apelido atopamos, por exemplo, Xaneanes (Celanova) ou Marianes (Sarria).

MARRUBE (San Román de Vilaestrofe) 
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tres Marrube, os tres na provincia de Lugo. Sendo os tres nomes de poboacións, e considerando a súa morfoloxía, semella probábel teren unha orixe antroponímica.
Por outro lado, Gonzalo Navaza incluíunoscon dúbidas  no seu estudo de Fitotoponimia, aínda que con dúbidas tamén pola súa morfoloxía. O PTG rexistra ademais  O Marrubio en Arzúa e en Carballedo, Marrubio (Castrillo de Cabrera, León), ou Marrubia (Viñón, Cabranes, Asturias), que semellan tamén aludir á planta dese nome.

No caso de Marrube (O Saviñao), aparece atestado no séc. XIII, "casale in Marruvi".
Nicandro Ares interpretouno como un posíbel nome persoal latino:
"referido ao xenitivo do latín marrubium, nome dunha planta e tamén dunha cidade dos marsos, da cal se orixinou o adxectivo marruvius. Polo mesmo, estaremos diante dun nome étnico, que puido ser igualmente persoal" (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega": 535). 

Formalmente habería unha posibilidade de provir do nome de muller "María Rube",  co apelido Rube, presente tamén no topónimo Monte de Fernanrube en Rúa (Cervo). A síncope "Mar", por María (ou máis improbable de Ma(i)or) é frecuente na microtoponimia da Mariña, así atopamos  A Marapega (María Pega) no Vicedo, A Maraleixa (María Aleixa) en Chavín (Viveiro), en Barreiros A Maraboa (María Boa), A Maradona (María Dona) e A Maraseca (María Seca). No entanto, o feito de haber tres lugares relativamente distantes co nome Marrube, e un deles ser nome de parroquia, fai esta hipótese improbábel.
Con respecto ao posible apelido Rube, aínda que non sexa frecuente na actualidade (non recollido no CAG), podería provir, senón é de Rubio, dun detoponímico dunha antiga (uilla) Rufi, forma en xenitivo de Rufus.

Por outro lado, para o apelido italiano Maruffi, Mario Palazzini relaciónao co nome xermánico Marufus 'noto, conosciuto', e indica que é típico da Lombardía. Se for este o caso , tendo en conta a relación de suevos e longobardos, poderíamos postular que se trate dun nome de orixe sueva, e que deriven estes topónimos Marrube dunha (uilla) Marufi, remitindo ao posesor dunha uilla altomedieval.

MARCO (Castelo, San Román de Vilaestrofe)
O termo "marco" indica a existencia, actual ou antiga, dunha pedrafita (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe deste "marco" pode ser medieval,  ou miliario romano, ou aínda podería tratarse dunha pedrafita ou menhir prehistórico.

OS MARIÑOS (Castelo)
Remite ao alcume ou apelido "Mariño" dun antigo posesor. Este apelido xa está atestado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

MASCOTES  (Castelo)
Probablemente se trate dunha alteración de "Mascotos". De feito, figura unha Fonte de Mascotos no 1752, no Catastro de Ensenada de Castelo, ao definir os límites desta freguesía. O sitio de Mascoto tamén está atestado nese mesmo catastro ao indicar a situación dun muíño de auga.
Na veciña Veiga (A Rigueira, Xove) temos tamén "Mascotelos".

A MEDELA PEQUENA (Castelo) 
Diminutivo de "meda".  "Meda", do latín meta(m), designa unha morea de mollos de cereal segado, aínda que tamén pode referir a unha "mámoa".

A MENTIÑA (Cervo)
O nome desta punta costeira debe tratarse dun alcume  "mantiña", en feminino, típico na talasonimia. 

AS MODIAS (Cervo)
O termo "modia" refírese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

MONTAROSO (Sargadelos)
Composto de "Monte Aroso", probabelmente de "Monte Hedroso".
En efecto segundo  Navaza e Martinez Lema, "Aroso" explicaríase a partir do latín hederoso, abundancial de hedera 'hedra' (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

Alternativamente o topónimo  "Aroso", o mesmo que no caso de "Aro", estaría relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

O MONTE ACAROADO (Castelo)
Tratarase do adxectivo "acaroado" coa acepción de "labrado até os estremos, sen deixar cómaro ningún" (DdD).
Tamén pode ser sinónimo de "rapado", segado até o chan, sen deixar "restreba".

O MONTE DA COSTOIRA (Lieiro)
Monte da vixilancia. Ver "A Costoira".

O MONTE DA LAMPAREIRA (Sargadelos)
Unha lampareira debe aludir a un lugar onde abundan as "lámparas". O problemático é establecer a que se refiren as "lámparas", pois pode remitir a laxes, penas chás, ou tamén a un lugar sen vexetación. Inclusive a un alcume, ou a terreo coas rendas do cal se paga a lámpara dunha igrexa.
Neste caso, dado que se trata dun monte con abundancia de penas, pensamos que debe tratarse da acepción de lámpara como diminutivo de lampa 'laxe'. Será, por tanto, alusión a un lugar onde abundan as laxes.
Tampouco se pode descartar que por "lampareira" aludise a un lugar onde abundaban as herbas chamadas "herbas dos lamparóns", que tiñan propiedades medicinais relativas á doenza dos lamparóns.

O MONTE DA LANGOIRA (Cervo)
Os topónimos son relativamente frecuentes, así atopámolos en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos.
Aínda que semella ter relación con "longa", xa non é transparente a terminación -oira que usa. O máis probábel é que esta terminación -oira, nalgúns casos como este, sexa o remanente dunha voz alusiva a "castro". Por tanto viría dunha *Longa da Oira",  remitindo a unha zona relativamente chá e estreita ("longueiro") que remata nun castro, neste caso no lugar "Os Castros". Para máis detalles, véxase X. L. González, 2024. "Mil topónimos_opacos_de_castros_e_corgas_Parte_I".

O MONTE DA MEDELA (Lieiro
Diminutivo antigo de "meda", que na toponimia alude metaforicamente a "mámoa", ou simplemente a unha elevación no terreo en forma de meda.

O MONTE DA MODEA (Rúa)
O termo "modea", grafía alternativa por "modia", que remite a unha mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

O MONTE DAS CANDAS (Rúa)
Os apelativos "canda" e "cando" son sinónimos de "garabullo".

O MONTE DE FERNANRUBE (Rúa)
Debe remitir a un antigo posesor chamado Fernán Rube.
O apelido Rube non é frecuente na actualidade (non recollido no CAG), podería provir, senón é de Rubio, de Rufi, detoponímico dunha antiga (uilla) Rufi, forma en xenitivo de Rufus.
Ver MARRUBE para máis comentarios.

O MONTE DE LAMABICOI (Cervo)
O termo Lamabicoi é un composto de "Lama Bicoi", indicando unha "lama" (no sentido de "lameiro", "prado"), pertencente a *Bicoi, que se tratará da forma xenitiva dun nome persoal altomedieval.

Sen dispormos de documentación antiga é difícil estabelecer con certeza o nome persoal do que deriva "Bicoi". Podería derivar dun Ovecconi, de Ovecco, ben atestado na Idade Media, tamén con esta formación: 
[...] uobis domno Ouecconi aepiscobo, in Domino salutem.  [...] a. 944 LeónCatCD (CODOLGA)
[...] pro confirmans: Munnio Ovecconi . Furninio Guttierriz. [...] a. 1110 CelanovaTbo  (CODOLGA)

Outra posible nome sería a típica construción xermánica, co exemplo do nome medieval Vigoy, de *wīgaz 'loitador', cun segundo elemento -oi presente tamén nestes nomes (cf. Fingoi, Raxoi,..).

Podería estar relacionado etimoloxicamente con Picoi (Vilalba).

O MONTE DE MOTÍN (Castelo)
O termo "Motín" probablemente deriva de Muttini(i), forma en xenitivo de Muttinus ou Muttinius, o nome do antigo posesor, nome de orixe latina (á súa vez, de posible orixe etrusca, cf. aquí).

O MONTE DO CARITEL (Castelo)
O topónimo "caritel" tén certa frecuencia en Galiza, e parece indicar un lugar oque posúe dereitos específicos relacionados coa autoridade, e por extensión, lugar onde se pagou multa dereitos de "caritel", talvez por ter ocorrido nel un roubo ou morte. Xa máis contemporaneamente, indica pago de dereitos de deslinde e colocación de marcos. 

Na Idade Media existía o dereito de "caritel", polo que os veciños dun lugar debían pagar unha multa caso de ocorrer no seu distrito un roubo ou asasinato. Porén,  "caritel" na documentación medieval, na área galego-portuguesa, tamén parece ás veces presentar, por extensión, un significado máis xeral de "termo, distrito". 

Xa Sarmiento estudou este termo (cf. aquí), relacionándoo como topónimo co pago da citada multa, ou ben como expresión metafórica derivada do verbo "caritar", en terreos de penas e escarpados, indicando "cicatrices" no terreo.  Esta interpretación foi despois seguida por Rodrigues Lapa (cf. "Fray Martín Sarmiento e o vocábulo caritel", Boletim de Filologia 1: 185-198). 

Por outro lado, Paulo Merêa coincide con Sarmiento na acepción de "sinal", aínda que discrepa da segunda interpretación que fai Sarmiento cono "cicatriz" no terreo (cf. "Caritel (a propósito das reflexôes de Fray Martín Sarmiento)", Boletim de Filologia Portuguesa, II, 1934). Así, Merêa coincide en que "caritel" procedería de caractellum, diminutivo de caracter (character), pasando a significar un "sinal" ou "marca" (incluso un marco ou pedrón), e daí un selo ou dereito da autoridade.

Sen podermos xulgar cal é a interpretación correcta, semella probábel a interpretación de Merêa, e, pola contra, o sentido metafórico de "penasco" parece non encaixar, sendo que a maioría dos topónimos galegos "Caritel" examinados non corresponden a lugares de penascos ou de quebradas.

Nalgúns dicionarios galegos, "caritel" é recollido como "pena que pagaban os veciños dun lugar onde se cometía un roubo ou morte", e tamén "dereitos que 
pagaba quen solicitaba o deslinde dunha finca" (cf. DdD).

Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outro "O Caritel" na cercana parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

MONTE DO TESOURO (Rúa, Castelo)
Ver "O Tesouro".

MONTE DOS FOLES (Castelo)
Ver "OS FOLES".

O MONTEIRO (Castelo)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores" (cf. RAG), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”.
As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais,  foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. 
Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras.

OS MONTES DO MORGALLÓN (Cervo, Sargadelos)
Os topónimos O Morgallón, coas variantes O Morgollón, O Morgullón, Murgullón, Os Morgallós, son relativamente frecuentes na toponimia galega, en particular na área mindoniense (Ortegal e A Mariña).
Aínda que se teñen postulado outras hipóteses, en base ao estudo das situacións de todos eles e do léxico galego, portugués e asture-leonés, pensamos que remiten á presenza das herbáceas Ranunculus bulbosus ou Ranunculus repens, tendo un significado similar aos topónimos O Bugallón. 
Ver para máis detalles o estudo (X. L. González, 2024. "O Morgallón e outros topónimos relacionados").

O MOSQUEIRO (Rúa)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). 

Tamén podería indicar o contrario; así xa fóra do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 
'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

A MOURISCA (San Román de Vilaestrofe)
Interesante topónimo que, ante a falta de documentacion antiga da que dispoñermos, deixa unha morea dúbidas.
Primeiramente, atendendo ao seu significado literal, estaría relacionado cunha terra pertencente a un mourisco, de orixe ou de alcume. Podería ser despectivo remitindo a un mozárabe, en relación ás hipotéticas inmigracións de mozárabes para Galiza na Idade Media.
Alternativamente, pode aludir á cor moura do terreo.
Ao non termos documentación antiga, tampouco podemos desbotar unha orixe na raíz prerromana *mar-/*mor- "rocha, altura", e por tanto sen relación co termo "mourisco".
topónimo "Fonte da Mourisca" está atestado no 1752, no Catastro de Ensenada de Cervo, e no de Castelo, ao indicar os lindes da freguesía.

O MUÍÑO DA ROLDA (Castelo)
Topónimo que alude ao sistema de roldas ou quendas que permiten o uso compartido deste muíño "multipropietario".

O NABALIÑO (Cervo)
Un "nabal" designa un lugar onde se sementan nabos, e por extensión, unha terra de boa calidade.
Nalgúns casos, podería estar relacionado coa raíz prerromana *nav-, presente en topónimos como "Nava" e en "Navallos".
Neste caso, sendo unha terra de labor, non hai razóns para que non estea referido á plantación de nabos.

O NADELO (Rúa)
Os topónimos "Nadela" e "(As) Nadelas" son relativamente frecuentes en Galiza. O topónimo que nos ocupa, "O Nadelo", entidade de poboación, é un caso único.

As interpretacións que se fan a respecto da motivación e significado dos topónimos "Nadela" e "Nadelo" son moi variadas, incluíndo a orixe nun nome de posesor (ver máis abaixo).
Na miña opinión, é probable que aludan a un nacente de augas, unha fontela.
En efecto, aínda que os dicionarios de galego non rexistren a voz "nadela", esta voz recóllea Figueroa Panisse coa acepción de
 "Nacente / Gorgulhão / Fontenla" (cf. A. Figueroa, 1988. "O problema da fixação da linguagem científica numa lingua em vias de normalização: O caso do galego"), e indica que a recolleu en conversa con Rodrigues Lapa.
Similarmente, Lorenzo Baleirón indicou que
 "quizais algúns deles [Nadelas] sexan mananciais ou fontes onde as augas nacen" (cf. M. Lorenzo. "Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga").

Canto á etimoloxía, non é descartábel que proveña de "Anadela", con deglutinación, tal como ocorre cos "A Grela" por "Agrela". O termo *anadela, diminutivo de "anada", tería unha orixe céltica ou antigoeuropea, nun tema *an(n)- , frecuente na toponimia galega (Ares< *an-aris, Ar< *an-are). Edelmiro Bascuas  ligou ese tema *ann- co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".

Por outro lado, cremos que é extremadamente improbable a interpretación dalgúns autores para "Nadela" como aludindo ao nome personal latino Natella 'filliña', diminutivo de "Nata". Primeiramente pola relativa alta frecuencia dos topónimos Nadela e Nadelas, que se for esta a razón, non se correspondería coa súa infrecuencia documental. Segundo por atoparmos varios deles en plural "Nadelas", improbable para topónimo persoal. Terceiro porque a existencia dun "As Nadelas", con artigo, torna tamén pouco probable que remita a un nome de persoa. Cuarto, pola existencia dunha entidade de poboación "O Nadelo" (Cervo), con artigo, que o torna tamén improbable que derivase dun nome persoal feminino.

O NOVAL (Castelo)
De "o (agro) noval", de "finca nova".
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable" (cf. DdD).

A OLGUEIRA (Cervo)
Probablemente estamos ante unha forma abundancial, indicando "lugar onde abunda a olga", sendo a "olga" neste caso un sinónimo de alga, tal como recolle o dicionario (cf. DdD). 
En efecto, de todas as interpretacións existentes para "Olga" (ver, por exemplo, "A Veiga das Olgas" na Toponimia de Muras), no caso que nos ocupa, ao tratarse dun coído, semella plausible a acepción de "alga", co cal "olgueira" indicaría, por tanto, un lugar onde abundan as olgas ("algas"), ben porque nacen no coído ou porque as xuntan. 
É interesante, dada esta situación nun coído, reparar na acepción recollida para "olga" na zona do Eo como 
"en ciertas riberas y playas del mar, sitio de profundidad y abrigo que forma remanso, en el cual se depositan las algas marinas." (cf. "olga" en, B. Acevedo e M. Fernández "Vocabulario del bable de occidente", 1932).

OS OLLEIROS (Rúa)
O  termo "olleiro" designa un punto onde brota auga do chan (cf. DdD), o mesmo que o cognado portugués olheiro.
Tal como ocorre para o termo "illó", a orixe é controversa. Podería derivar do latín vulgar *oculariu, ou alternativamente dun termo prerromano paleoeuropeo a partir da raíz indoeuropea *wel- 'xirar'. Bascuas non se refire a "olleiro", aínda que si a illó (cf.E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 142).

OROSA (Cervo)
De "hedrosa", sitio onde abundan as hedras (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O OUTÓN (Castelo -lugar de Trasbar)
Forma antiga, aumentativa de "outo" ("alto"). 
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra o mesmo topónimo noutras zonas da comarca, como en Ribadeo, no Vicedo, así como noutras comarcas, como en Carballo, Porto do Son, etc.

O PAINZAL (Rúa)
Lugar con paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo. 

PALMEIRO, O (Rúa)
PALMEIROS, OS (Rúa)
Remite ao apelido do antigo posesor do lugar, de feito é un apelido frecuente na Mariña Oriental (cf. CAG), e é un apelido xa usado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
A orixe última debe ser a alusión a un peregrino. Xa rexistrara Viterbo para "palmeniro" a acepción de "peregrino ou estrangeiro"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798), e tamén Du Cange recollera para Palmarius, e explicaba que tomaron o nome de "palmeiros" por traeren unha rama de palma de Terra Santa (cf. Du Cange, 1883-87. "Glossarium mediae et infimae latinitatis").  Igualmente Eladio Rodríguez  define "palmeiro" como “Peregrino de Terra Santa, que traía palma, como os de Santiago levaban cunchas ou vieiras como sinal da súa romaría”.

A PALLAREGA (Rúa)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "c
asa pequena cuberta con palla", "Palleiro", "Restrebas" (cf. aDdD).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos  A Pallarega en Muras e en Boimente (Viveiro), así como As Pallaregas en Cabarcos, en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

O PAMPILLAR (San Román de Vilaestrofe)
Lugar onde abunda o "pampillo", unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida (cf. RAG).

AS PANDAS (Rúa)
O PANDO (Castelo)
Unha "panda" ou "pando" designa unha "lomba", un terreo combado ("pandado").

O PARAÑO (Cervo, Sargadelos -lugar do Paraño)
"O Paraño" (Castelao)
topónimo "Cruz do Paraño" está atestado no 1752, no Catastro de Ensenada de Cervo, ao indicar os lindes da freguesía. Igualmente figura no 1752, no Catastro de Ensenada de Sargadelos, a "Pena Parda do Paraño" nas lindes da freguesía.

A interpretación máis ortodoxa é a de derivalo do  adxectivo  latino  *petraneum  'de  pedra’, designando un terreo desas características. Podería talvez aludir metaforicamente a pedras asociadas a construción megalítica antiga; de feito, as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros"; isto encaixaría coa acepción recollida en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira".
Por outro lado, Leandro Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario galego como "lugar amparado, protexido" (cf. DdD), e podería significar "terra con certos "privilexios", tamén recollido así en portugués."

A PARDIÑEIRA (Castelo)
O PARDIÑEIRO (Cervo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe o cognado pardieiro, coa mesma orixe e significado.
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.

O topónimo "Pardiñeiras" é  moi frecuente por toda a Galiza. En Mogor (Mañón) hai "As Pardiñeiras", en Riobarba e en Covas hai "A Pardiñeira", en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc. 

A PASADA DE MADRIÑÁN (Rúa)
A PASADA DE MARTÍN PAZ (Rúa)
A PASADA DO LOBO (Rúa)
A PASADA DO REGO DO XUNCO (Rúa)
O apelativo "pasada" remite a un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña", tamén chamados "poldras". 
Canto a "Madriñán",  indícanos que esta pasada atravesa o Rego de Madriñán (ver REGO DE MADRIÑÁN).

PÉ DO CANTO (Castelo)
Lugar situado a carón do "Canto". Ver O CANTO.

PEDRA CHANTADA (Cervo)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", indicará a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun menhir prehistórico.

PEDRIDE (Cervo)
O mesmo que "pedragal", lugar onde abundan as pedras. 
Os abundanciais en -ide son relativamente frecuentes nesta zona, así "Mexilloíde" en Xove,

O PEDROUZO (Castelo, CervoSan Román de Vilaestrofe)
A voz "pedrouzo" designa unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. DdD.
O sufixo -ouzo dálle un matiz despectivo, o mesmo que ocorre no cognado portugués pedrouço (cf. Priberam).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e en particular na Mariña Central e Oriental; o Proxecto Toponimia de Galicia rexístrao en Cervo, Foz, Barreiros, Ribadeo.

A PEGRIZA (Cervo)
Ver "A PREGUIZA".

A PENA DA ARCA (Cervo)
Unha "arca", xeralmente refírese a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada). Outras veces indica somente a existencia dun marco divisorio, por veces medieval.

A PENA NADELA (O Monte)
Posiblemente referindo a unha pena na cal preto dela hai un nacente de auga. ver O NADELO para máis detalles.

PERCORVO (Rúa)
Referido a un antigo posesor chamado Pero Corvo. O nome Pero, na época medieval, correspondía co actual "Pedro" (cf. X. L. González. "O nome Pero na microtoponimia").

O PEREIRO (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
A súa orixe pode estar relacionada con pirariu (árbore) ou con petrariu 'pedreiro'. Nalgúns casos, dada a orograría onde se ven as penas, parece probable a orixe en petrarium.

O PESQUERDO (Castelo -lugar de Trasbar)
Tratándose dunha casa illada, debe que aludir ao nome dun antigo posesor, de nome Pei Esquerdo. En efecto, os apócopes hipocorísticos Pei e Pai, de Paio, deberon ter un grande uso na Idade Media, correspondente á popularidade do nome Paio, pois son moi frecuentes na toponimia.
Igualmente, o apelido Esquerdo está atestado xa na a Idade Media.

A PEZA DAS DONAS (Castelo)
O termo "peza" indica, neste caso, un campo grande que se labra (cf. E. Rivas DdD).

Para "Donas", ver "As Donas".

A PEZA DE VIÁN (Cervo)
O termo "peza" indica, neste caso, un campo grande que se labra (cf. E. Rivas DdD).

En canto a "Vián", talvez proveña de Apiani, xenitivo de Apianus, ou incluso de Vibiani, forma en xenitivo de Vibianus, rexistrado por Solin (cf. H. Solin, 1977. "Die innere chronologie des römischen cognomens"), e para o cal Boullón indica varios casos atestados en Galiza no século XII (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, podería provir de Vegilani, a forma en xenitivo de Vegila, nome de orixe xermánica (cf. M. Costa, blog Frornarea). 

O PIAGO (Castelo)
OS PIAGOS (Cervo)
Un "piago" ou "peago", do latín pelagus, designa unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. 
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (cf. J. M. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945: 323).

AS PICHEIRAS (Rúa)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Alude a algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

O PICO DO XIRGO (Rúa)
Aínda que sexa soamente unha hipótese, é razoable interpretar "xirgo" como forma evoluída por "sirgo", e que aluda dalgún xeito á produción de seda, á artesanía téxtil da seda (o apelativo "sirgo" é sinónimo de seda, e deriva do latín sericum).
 A artesanía téxtil da seda estaba moi difundida na Idade Media. Nas Cantigas de Santa María menciónase:
.. en Estremadura, en Segovia, u morar hua dona soya, que muito sirgo criar en ssa casa fazia ..

En Riobarba (O Vicedo) o Nomenclator rexistra a poboación chamada Os Sirgos, que aludiría igualmente a unha antiga produción de seda.

PILLADAS, AS (Cervo)
Alusión á pertenza do lugar a unha persoa de apelido "Pillado". É unha construción típica na toponimia, que se adxectiva o nome para indicar o posesor.
O apelido "Pillado" xa figura atestado en Galiza no século XIV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). De feito, segundo o CAG, é un apelido con presenza neste concello.

PIMPÍN (Cervo, San Román de Vilaestrofe)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber  lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

O PIÑEIRO (Castelo, Cervo)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde.
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón xeralmente eran exemplares illados.

A PINGUELA (Castelo, Cervo)
O termo "pinguela" ven de pingar "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano polo que verte auga unha fonte".

OS PISÓS (Cervo)
Un "pisón" é similar a un "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

O PLANTÍO (Castelo, Rúa)
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas. Probablemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Probablemente fan referencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores. 
Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

AS POLTREIRAS (Cervo)
O termo "poltreiras", como topónimo, remite a un "paso no río", tal como rexistran os dicionarios para "poldra" (cf. e.g. L. Carré, 1951". "Diccionario galego-castelán"). Así o interpretou na toponimia e.g. Joseph Piel no sentido de  
"pedras, colocadas de margem a margem, num regato ou rio, para dar passagem" (cf.  J. Piel, 1945. "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII).

A PORTELA (Cervo)
Diminutivo de "porta", co antigo sufixo -ela.
En canto á súa significación toponímica, os dicionarios de galego rexistran varias acepcións, relativas a paso estreito por onde se atravesa un monte ou dunha depresión. Defínea E. Rivas:
 "depresión en una loma, por la que se pasa a la otra parte, que originó infinadad de orónimos en la geografía del NO".
Por outro lado, Eladio Rodríguez e outros tamén recollen a acepción de "portillo que hay en una finca cerrada, por sitio que puede pasar un carro"(cf. DdD).
Calquera das dúas acepcións pode encaixar nun topónimo, descoñecemos a situación deste en concreto.

POSTA LONGA, A (Cervo)
O nome deste cantil debe aludir á acepción de posta pesqueira. Segundo o dicionario Estraviz "Lugar no mar assinalado previamente para lançar as redes de pesca".  Poderían encaixar outras acepcións, pero esta é a máis probable tendo en conta que a maioría dos topónimos "Posta" están situados na costa, tales como "A Postiña" (Cariño) e "A Posta Alta" (Ribadeo).

O POZO DE LANGOIRA (Cervo)
Ver "O Monte da Langoira".

O POZO DOS MONXES (Cervo)
Non cremos que teña relación algunha con ordes relixiosas, senón que indicaría un "pozo no que abondan os munxes". Na zona de Viveiro chámase "monxe" ao peixe mugil cephalus.
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a Punta dos Monxes en Suegos (O Vicedo), A Bogueira en Barreiros, a punta Besugueira en Burela, a "Punta dos Mógaro" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

O PRADO DA POLTREIRA (Cervo)
Ver "As Poltreiras".

O PRADO DO PICHEIRO (San Román de Vilaestrofe)
O apelativo "picheiro" e "picheira" significan o mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que, no caso deste topónimo "Picheiro", indica algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

O PRADO DE TELADRIZ (Sargadelos)
topónimo "Teladriz" podería ter a orixe en *"Tei Lodriz", sendo "Lodriz" a forma evolucionada de Leoderici, o xenitivo de Leodericus, nome de orixe xermánica, e o elemento "Tei" indicando "lameira, prado".

O elemento "Tei" frecuentemente vai asociado a formas en xenitivo, tanto de orixe xermánica ("Teimende", "Teibalte", etc) ou latina ("Teivente", "Teilalle", etc).
E. Bascuas estudou esta forma "tei-", asignándolle unha orixe na forma paleoeuropea *tag-, cun significado parecido a "lameiro", e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreter, fluír lentamente' (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006: 66 e ss).

A localización en zona de prados parece reforzar esta hipótese.
Para máis detalles, consultar entrada de blog Pena da Cataverna.

OS PRADOS DO CARITEL (Castelo)
Ver "O Monte do Caritel".

A PRAZA (Castelo)
O termo "praza", á parte do significado común de "lugar espacioso e público, destinado a paseo, mercado ou festas", tamén remite por veces, no rural, a unha "extensión grande de terra de cultivo dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos", sinónimo por tanto de "agra".

A PREGUIZA (Cervo)
Poderíamos interpretar "preguiza" no sentido do apelativo que os dicionarios definen como " Falta de vontade para traballar".
No entanto, é interesante notar a relativa frecuencia de topónimos "Preguiza" e relacionados na toponimia galega. É verdade o valor na cultura tradicional galega que lle é dado ao traballo. Pero aída así, debería ser un topónimo extraordinariamente raro se se tratase do sentido indicado pola voz comúm "preguiza".

O filólogo A. Palacio interpreta os topónimos como en alusión a unha terra que tarda en dar os seus froitos' (como contraria a temperá), debido á súa má calidade (cf. A. Palacio, 1981. "Toponimia de Pantón").
Por outro lado, esta explicación non cobre os casos dos topónimos como Preguizal e Preguecido.
Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (cf. F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").
O Padre Sarmiento xa falaba dela:
“Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).
Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza". 
En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

O PREITO (Cervo)
Este termo viría referido ás disputas entre particulares polas lindes ou pola propiedade do terreo.

A PUÍDA (San Román de Vilaestrofe)
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante", posiblemente referido ás características das terras.
Cabe a posibilidade remota de que proveña dunha posesor con ese alcume (ou propietario: "O da Puída"), aínda que sendo un núcleo de poboación semella máis improbable. A relativa frecuencia do topónimo volve aínda menos probable esta hipótese.

A PUMAREGA (San Román de Vilaestrofe, Castelo, Sargadelos)
A PUMAREGA DA VEIGA (Castelo)
AS PUMAREGAS (Castelo)
Unha "pumarega" e un "pumar" son sinónimos, co significado de "finca plantada de froitas, maiormente maciñeiras (maceiras)".
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"). De feito, "Pumarega" atopámolo na Mariña de Viveiro ata Ribadeo.

QUEIMADO (Castelo)
Probablemente en relación coas actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.

QUELLA (Cervo)
O mesmo significado que cale/canle, tanto no sentido de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
O mesmo apelativo existe en portugués coa grafía quelha, e en galego tén tamén variantes "quelle", "quenlle" e "quenlla".

RAMIL (Castelo)
Posiblemente de *(agru) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamiru(s), nome do antigo posesor.
Ao non se tratar dun núcleo de poboación, é tamén probable que se trate do apelido (e non do nome) dun antigo posesor. Como apelido, ten orixe detoponímica, remitindo a oriúndo dun lugar dese nome.

A RANDEA (Rúa)
Interesante topónimo que deixa testemuño do lugar no que se practicaba ese xogo. No dicionario Estraviz vén definido como "Corda, rede ou galha verde de uma árvore, entretecida e sujeita polos extremos a dous pontos fixos, formando como uma espécie de assento para poder bambear-se".
Tamén o  recolleu e interpretou deste modo A. Palacio (1981. "Toponimia de Pantón").
Consérvase o mesmo topónimo noutros lugares da Mariña, como en Foz, en Xove. 

RAÑA MAIOR (Rúa)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso.  Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal,  sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras".
No dicionario figuran dúas acepcións para "raña": "Terreo alto e de monte pobre", e tamén "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Rivas Quintas suxire para o topónimo unha raíz paleoeuropea *ra-, *ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc (cf. E. Rivas "Toponimia de Marín").
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

A RAÑADOIRA (San Román de Vilaestrofe)
O mesmo que "rañadoiro" 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. DRAG.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.

REBOLO DO CHAO (San Román de Vilaestrofe)
Os dicionarios galegos rexistran para "rebolo" o significado de "carballo, renovo do carballo". 
Dada a súa forma en singular, semella menos encaixe para un topónimo, polo que non podemos desbotar a interpretación como alcume, na acepción de "home ou animal rechoncho", que podería ter aplicación toponímica alicado a un antigo posesor.

O RECANTO (Rúa)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

A REGA (Rúa)
Este topónimo, moi frecuente en Galiza, ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso".
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, 

É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego" (cf. E. Bascuas en VERBA n. 27).

REGO BALSEIRO (Cervo)
O nome do rego remite a un lugar á súa beira chamado "Balseiro".
O topónimo "Balseiro" refire a un terreo cuberto de balsas ou charqueiras. 
Tamén pode remitir ao apelido ou alcume "Balseiro", dos posesores destes terreos.

REGO DA AGUIEIRA (Castelo)
Ver "A FONTE DA AGUIEIRA".

REGO DA BANDEXA (San Román de Vilaestrofe)
O topónimo "Bandexa", aínda que semelle un significado transparente, moi probablemente se trate dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea. 
En efecto, E. Bascuas e outros autores (V. Cocco, J. M. Blázquez) derivan topónimos como "Banduge" ("Bandugium" en 1115, en Mesão Frio), semella que "Bandexa" derive da base hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95) (cf. p. 51 de E. Bascuas "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7, 2007).
Tamén Boullón Agrelo deriva o topónimo Bandoxa (Oza dos Ríos) desa base hidronínima *band-, de onde derivaría tamén a divindade acuática prerromana Bandoga (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)": 150).
Este topónimo está presente tamén como hidrónimo no Valadouro e en Viveiro.

REGO DAS VARAS (Castelo)
Aínda que a orixe do termo "varas" non se poida rexeitar a transparente de "pau longo e delgado", podería igualmente tratarse dun topónimo de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derivan os numerosos topónimos "Vara" da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. De feito, para este "rego das Varas", Bascuas indica que probabelmente se trata dun hidrónimo reinterpretado como apelativo (cf. E. Bascuas, 2014."Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega": 143).

REGO DE LEAS (San Román de Vilaestrofe)
Ver "Leas".

REGO DE MADRIÑÁN (Rúa)
Ver O CHAO DE MADRIÑÁN (Rúa).

REGO DE PEDROUZO (Castelo)
Ver "O Pedrouzo".

REGO DO FORCÓN (Rúa)
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
Aínda que o dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo", o máis probable é que se refira a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas (neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro").

En efecto, acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

REQUEIXO (Rúa)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD)  ou tamén lugar apartado, nun recanto. Rivas Quintas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale' (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala").
Estes topónimos, frecuentes na toponimia galega e moitos xa atestados na Idade Media, aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").

Segundo E. Bascuas (VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

A RESTREBADA (San Román de Vilaestrofe)
Terras con "restrebas". As "restrebas" (do latín restipula) designa os couces das pallas ou canas de cereal que quedan presos á terra despois da sega. Tamén en portugués hai o cognado resteva. Como sinónimo temos "restrollo" (restrolho en portugués).
A motivación destes topónimos puido ser a de indicar que se acostumaba plantar cereal neles, e deixalos coas restrebas, en barbeito. Despois, as restrebas arábanse e plantábse outra cousa, quer millo, patacas, etc.

No Séc. XVIII indícanos Martín Sarmiento que a resteba aludía á segunda sementeira: "en Pontevedra, despois de coller o trigo ou centeo, árase e seméntase o millo ou o millo miúdo ou o paínzo ou outro fruto na mesma terra". 

O RETORNO (Castelo)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica do blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A RETORTA (San Román de Vilaestrofe)
O dicionario de Eladio Rodríguez define "retorta" como "volta, revolta, curva que fan os camiños e os ríos polos accidentes do terreo que recorren (cf. DdD).
topónimo "Pena Parda da Retorta" está atestado no 1752, no Catastro de Ensenada de Sargadelos, ao indicar os lindes da freguesía.

A RILLEIRA (Cervo)
AS RILLEIRAS (Cervo)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano" (cf. DdD). Podemos interpretalo, xa que logo, como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presenza deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe relacionada coa raíz indoeuropea *er-, presente na hidronimia europea.

Río COVO (Castelo)
O adxectivo "covo" defíneno os dicionarios como "cóncavo, profundo" (cf. DdD). Este sería o caso deste río, relativamente estreito e profundo.

A ROCIÑA (Lieiro)
Diminutivo de "roza". Ver "A Roza Vella".

A ROZA VELLA (Cervo, Castelo, Lieiro, Rúa, Sargadelos)
AS ROZAS (Varios)
O ROZÓN (Castelo)
O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Ver "A Cernada".

A ROZADA (Castelo, Rúa)
Lugar onde se houbo actividades de "roza". Ver "A Roza Vella".

RÚA (Rúa)
Este topónimo figura xa como S. Martinus de Rua nun documento de Afonso VII do ano 1128 (cf. "España Sagrada"). Aparece novamente mencionado no 1488 co nome actual "Rua" (cf. ITGM).
A voz "rúa" aparece atestada en Galicia a partir dos mediados do séc. XII.  O uso debeu ser similar xa daquela ao actual, de ‘camiño",  se ben na actualidade alude a camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). 
Canto á etimoloxía, parece que procede da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín").

Neste mesmo concello temos Ruela nesta freguesía de Rúa, e Rueta na de Cervo.

RUBÁS (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos "Rubiás" e "Rubás" en xeral son interpretados como adxectivos, remitindo a unhas "(terras) rubás", "terras dunha cor tirando a ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas, incluso hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro).
Alternativamente, está atestado o topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Por outro lado, J. M. Piel relacionou "rubiña" co verbo rubir 'subir', derivándoos do latín rupes "rocha".

RUELA (Rúa)
Corresponde co antigo diminutivo de "rúa" ‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG).
Dada a súa pertenza á freguesía de Rúa, podemos interpretar "Ruela" como un topónimo xurdido na Idade Media, aludindo a que era un alfoz de Rúa, un lugar ligado a Rúa. Decimos na Idade Media pois o uso do antigo diminutivo en -ela non perdurou despois.
Por outro lado, a voz "ruela" conservouse tanto no galego como no portugués para designar "rúa pequena ou estreita", polo cal esta entidade de poboación puido orixinarse posterioremente.
Ver "RÚA" para detalles sobre etimoloxía. 

RUETA, A (Cervo)
Debe tratarse dun diminutivo de "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’).
 A favor desta interpretación temos o feito de que Du Cange rexistra RUETA en Francia no séc. XII como sinónimo de Ruella 'pequena rúa' (cf. s.v. DuCange).
É un unicum en Galiza, talvez debido á necesidade de diferencialo dos xa existentes veciños lugares de Rúa e Ruela. Xa que logo, os casaríos de Rueta foron creados despois dos de Rúa e Ruela.
Ver "RÚA" para detalles sobre etimoloxía. 

SAÍÑA, A (Lieiro)
SAÍÑAS (Cervo)
Derivado do sintagma "terras saíñas". Unha "saíña",  do latín salina, debe aludir polo xeral a terreos con alto contido en sal, indicando posibelmente una baixa fertilidade do terreo. Pode tratarse de mineralizacións fortes producidas polo fluxo lento desde o acuífero ata a superficie do terreo.
Lembremos que neste mesmo concello temos tamén Sargadelos, que deriva de Salgadelos, diminutivo plural de "salgado".

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén  outras Saíñas en Portocelo, e un Saiñal en Mogor (Mañón).

SALDOIRO (Cervo)
Os topónimos "Saldoiro" e "Saldoira", relativamente frecuentes en Galiza e Portugal: "río Saldoiro", "Saldoiro" (Narahío), "A Saldoira" (punta costeira) en Ribadeo, "Poza de Saldoiro" na Laracha, "Fonte de Saldoiro" en San Sadurniño, "O Saldoiro" na Pastoriza, "Pena Saldoira" na Pontenova.
Tendo en conta que a maioría deles corresponden con hidrónimos, Bascuas derívaos como formacións con sufixo romance a partir do tema hidronímico *sald-, da raíz indoeuropea *sal- 'auga axitada, sal, suxo' (cf. E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega": 223).
Por outro lado, tamén podemos interpretalos como derivados do latín vulgar *salitoriu (saidoiro), con caída temperá da vogal intermedia, permitindo o conservamento do -l-. 

A SALEIRA (Lieiro)
Lugar onde abunda o sal. Ao tratarse dunha punta costeira, parece reforzar esta interpretación.

SANTOMÉ (San Román de Vilaestrofe)
Lugar referido a "San Tomé", e por tanto un 
haxiotopónimo.

A SARA DE BAIXO (Castelo)
A SARA DE RIBA (Castelo)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

SARGADELOS (Sargadelos)
O topónimo orixinariamente foi "Salgadelos", tal como figura atestado e.g. nun documento 
de Afonso VII do ano 1128. Corresponde, por tanto, cun adxectivo en plural diminutivo de "salgado", aludindo neste caso a "terreos salgadelos", nos que hai certa abundancia de sal ou saíñas.

Nos finais do século XVI figura como "Sergadelos", e no século XVIII xa aparece como Sargadelos, tanto no Catastro de Ensenada (1752) como no "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos..." (1789). 
Tecnicamente, o cambio Salgadelos > Sargadelos é un fenómeno común de disimilación no galego, análogo ao de Folgoselo > Forgoselo que aconteceu en "Serra do Forgoselo" (A Co.).

A SENRA (Castelo)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo". 
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. "serna"). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que na parroquia de Insua (Ortigueira) conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 

Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SINDÍN (Castelo)
De (agru) Sindini, forma en xenitivo de Sindinus, nome do antigo posesor. O nome Sindinus é hipocorístico de Sindus, á súa vez contracción de Sisenandus
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que fose agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar o teña sido antigamente a unha uilla medieval (explotación agrícola) e que tivese sido un lugar habitado.

O SISTO (Rúa)
OS SISTOS (Castelo)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 
Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  Sisto, Sistelos,  Sistelo, Sistelín é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

García Arias interpreta para os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión é tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva (cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable. 
Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBOLAIRA (Castelo)
Composto de "sobor-a-aira", lugar situado "por riba da aira", pola parte de riba da aira.

SUARRIBAS (Cervo)
De "sub as ribas", lugar situado ao pé dunhas " ribas". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente referido á marxe dun río.

SUVAL (Cervo)
Composto de "su val", lugar situado ao pé do val, pola parte de baixo do val.

SUXIL (Castelo -lugar de Trasbar)
De (uilla) Sonigildi, forma en xenitivo de Sonigildus, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica, da raíz sunja- 'verdade' (alternativamente de sona 'expiación') e máis de hild 'batalla' (cf.  J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II: 349 s.v. "Sogilde").

É importante notar que, aínda que o nome sexa de orixe xermánica, isto non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

O TALLO DE ABAIXO (Cervo)
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Á parte dos significados relativos a "corte", o termo "tallo" tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña".
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas". Cf. aquí.

O TARRAÑÓ (Castelo)
Moi probablemente, deturpación de "Tarañó", de (terreo) tarañó", diminutivo de "taraño", o cal está relacionado coa voz "tarañeira" 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É un termo de orixe prerromana, relacionado cos  topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así un Tarañós en Mañón, Taraños en Cedeira, Tarañeira en Guitiriz e en Xermade, etc.

TEIXIDO (Lieiro)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu).

AS TEIXOEIRAS  (Castelo)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos" (cf. DdD).
Está atestada a Pena das Teixoeiras no 1752, no Catastro de Ensenada de Castelo, ao definir os límites desta freguesía.

O TELLADO (Cervo -lugar de Espiñeirido)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu. 
O topónimo probablemente deriva do obvio significado de "lugar tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza". 
No entanto, "Tellado" é tamén interpretado como "lugar abandonado e repoboado": xa os romanos chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I: 635). 

TEMPORAU (San Román de Vilaestrofe)
Forma autóctona por "temporán". Debe remitir ao alcume ou apelido dun antigo posesor. O apelido Temporao xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
Por outro lado,  Joseph Piel interpretou os topónimos  Temperán e Temprâns como derivados dun nome de posesor *Temporanus, do cal derivan os nomes medievais portugueses Temporana e Temporão. Porén, para unha terra de labor, semella máis plausíbel a explicación previa.
Pode tratarse igualmente dunha referencia a un "castiñeiro temporao", unha variedade de castiñeiro que dan froito de cedo; esta variedade está xa atestada na Idade Media, como indica Xoán F. Fernández López:
«et per castineira temperana», Sobrado de Trives
«et da outra parte vay topar ao castineyro tenporaão»  Noia, ­ 1412 (cf. X. F. Fernández, 2022. "Do monte, das aveas, dos castiñeiros, dos pomares e doutras froiteiras:contribucións para a historia agraria de Galicia").
Neste sentido, tamén A. Palacio indica que pode encaixar na toponimia o adxectivo "temperán", de froito temperán (cf. s.v. "temperán", Eladio Rodriguez, DdD).

TERCIAS (San Román de Vilaestrofe)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o terzo da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
Rexístrase este mesmo topónimo en Mosende (O Vicedo), Landrove, Mañón, etc.

O TESOURO (Castelo)
Podemos interpretalo como topónimo xocoso, aludindo á riqueza da terra, ou máis ben, máis probablemente, o descubrimento (real ou lendario) dun tesouro.
En efecto, os topónimos deste tipo foron estudados detalladamente para outras áreas peninsulares  por Gordón e Ruhstaller, concluíndo que é un claro e fiable indicador arqueolóxico. De feito, aportan unha longa listaxe de topónimos Tesoro e Tesorillo nos que se atoparon sitios arqueolóxicos (cf. M. D. Gordón e S. Ruhstaller, 1991. "Estudio léxico-semántico de los nombres de lugar onubenses" in Toponimia y arqueología).

Por exemplo, no caso d"O Tesouro" en Foz, hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

A TILLEIRA (Rúa)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A TORNA (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica indoeuropea*ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A TORRE (Castelo)
O termo "torre", frecuente na toponimia galega, non remite estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.
Menéndez de Luarca (2000: 233-234) considera que case todos os 456 topónimos de "torres" poden ser atribuídos ao final da Idade Media (séculos XIV-XV), pois, aínda que algúns sexan de orixe máis antiga, serán reaproveitados con gran frequencia no final da Idade Media.

TRASBAR (Castelo)
Este lugar figura como Trasuar en 1293 (cf. E. Cal, 1991."De Viveiro en la Edad Media", in "Estudios Mindonienses", núm 7). Está tamén atestado no 1752, no Catastro de Ensenada de Castelo, ao referir a existencia dun muíño.
Seguindo a Piel, posiblemente derive de (uilla) Trasuarii, forma en xenitivo de Trasuarius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola, casal"). Este é un nome de orixe xermánica, formado coa raíz gótica Thras- 'combate' e -arius de harjis 'exército' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)": 435). 
É importante notar que esta orixe xermánica do nome non indicaría que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

Alternativamente, poderíamos pensar nun "trans Var" "ao outro lado de Var", que non localizamos, mais que puido ter existido, dunha raíz común co'A Vara" en Xove, Bares en Mañón (atestado como Uaris no S. IX), etc.
Sexa como for, considerando a documentación antiga, o que é certo é que sería máis apropiada a súa transcrición como "Trasvar".

O VASCO (San Román de Vilaestrofe)
Debe remitir ao nome dun antigo posesor do terreo. O nome de persoa "Vasco" era frecuente na Idade Media, e ten a mesma orixe que o castelán "Velasco".

O VEDRAL (Rúa)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.
O profesor Navaza fai igualmente esta interpretación destes topónimos, aínda que indica a posibilidade dalgún deles de provir alternativamente dun abundancial de bidro 'bedueiro' ou aínda de vidra 'vástago de vide, videira' (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O VEDRO (Castelo)
OS VEDROS (Cervo)
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, probablemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo".

O VEDRÓN (Castelo, Cervo)
O termo "Vedrón" é un aumentativo de "vedro". Ao ser aumentativo,  a mellor interpretación deste topónimo parece a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo".

AS VERDEGUEIRAS (Rúa)
De "verdegar" "brotar, verdar" (cf. DdD). De feito, Eladio Rodríguez rexistrou "verdegar" na acepción de abundancial "sitio onde verdea o campo" (cf. DdD).

Non podemos descartar que a orixe sexa en "Bardagueiras", que indicaría lugar onde abundan a "bardagueira", unha especie de salgueiro. Bardagueira é derivado de "barda" 'sebe', de orixe prerromana segundo Corominas (cf. J. Corominas, DCECH, s.v. barda). A evolución de bardagueiras para verdegueiras sería por etimoloxía popular, facilitada polo descoñecemento de "bardagueira" e pola frecuente vacilación do peche das vocais átonas en galego.

OS VIDREIROS (Rúa)
Posiblemente grafía alternativa por "bedreiros", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". En efecto,  Navaza recolle o caso de "O Vidreiro" no Valadouro, recollido por Madoz como Bedreiro (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Nótese que, neste caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado", co que o paso a "i" sería case indiferenciable nunha sílaba átona. 
Hai tamén "Vidral" noutros concellos, que podería ter igual orixe.

O VIEIRO (Rúa)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
 No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga (cf. E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014: 139).
É interesante notar que esta interpretación é coincidente co uso en portugués antigo  (s.v. "vieiro", in Viterbo, "Elucidário", 1798).

Nicandro Ares interprétao como derivado de viarius "referido a vía, camiño, verea". Tamén o asocia ao antropónimo Viarius (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011: 835), aínda que resulta improbable dada a frecuencia deste topónimo en Galiza.

VILA DE SUSO (Cervo)
Do latín uilla de sursum 'vila de riba', 'vila no alto' (cf. A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa": 107).

VILAESTROFE (San Román de Vilaestrofe)
De Uilla Astrulfi, forma en xenitivo de Astrulfus, nome que remite ao antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal). É un nome de orixe xermánica.  

No Diccionario de Madoz (séc. XIX), indícase que consta de 426 casas, e conformado polos lugares de:
"Alleira, Calvario , Casanoba , Cérdeira, Eijo, Escallar, Feas, Iglesia, Infesta, Marrube, Pena , San Tomé, Senrra , Vilar do Bispo y Villaestrofe".

O VILAR (San Román de Vilaestrofe, Cervo)
OS VILARES DE ABAIXO (San Román de Vilaestrofe)
OS VILARES DE ARRIBA (San Román de Vilaestrofe)
O VILARÓN (Cervo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha vila, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)": 221).  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. aquí.

O VISO (Lieiro)
Un "viso" remite a un sitio alto, elevado, de boa visibilidade. Cf. DdD

AS XIRAS DE BEBA (Cervo)
Unha "xira" é un terreo de labradío estreito e pequeno, posiblemente sendo xira no sentido de paseo. É un significado habitual de "xira" neste concello.
Canto a Beba, dado o contexto, alude ao nome (hipocorístico) da (antiga) propietaria das xiras. En Portugal, Machado (DOELP, s.v. "Beba") sinala para un topónimo Beba a súa orixe escura, aínda que posibelmente deantroponímica.

O XISTRAL (Rúa)
O termo "xistral" indicaría o lugar onde abunda a planta chamada "xistra" (meum athamanticum, cf. DdD)
Para máis detalle, ver o artigo correspondente no blog Pena da Cataverna.

O XUMARAO (Rúa)
OS XUMARAOS (Castelo)
Topónimo que remitirá aos antigos posesores do lugar, aludindo a seren oriúndos dun lugar Ximarás, Xímara  Ximará ou Xemaré. Tamén pode aludir a que os terreos pertenceron a un Ximarao, pois o nome Uimarano aparece atestado en documentos medievais, p. ex. nun do ano 952:
[...] Rudesindo episcopo et fratribus uestris, salutem. Placuit michi Uimarano [...]

O paso Ximarao > Xumarao é común no galego, por influxo da bilabial posterior, o mesmo que a forma "somana" por "semana". 

O nome Xímara deriva do altomedieval Uimara,  de orixe xermánica. Aínda que poida resultar estraña a evolución, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Relacionados con este nome, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra  Xímara en Barreiros e na Pontenova, Os Xímaros en Ribadeo, varios Ximará(s), como en Viveiro, Moeche, Xuances, Alfoz e Cospeito. Tamén atopamos a Pena de Ximarao en Cedeira, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, etc.