venres, 28 de febreiro de 2014

Estudo da toponimia de Cervo

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo. 
_______________________________________ 



ABELAEDO (Rúa)
ABELAEDOS, OS (Cervo)
Un "abelaedo" é un sitio onde abundan as abeleiras.

ABELLEIRAS, AS (San Román de Vilaestrofe)
ABELLEIRIÑA (Rúa)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". 
Portanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". 
Nalgúns casos, o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

ABURLIDO (Cervo)
Probablemente de "Aborlido".  Navaza apunta a posibilidade de que "Abrolido", "Aborlido" e "Abrulido" deriven do baixo latín arboretu 'arboreda' (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006). 
Alternativamente, podería indicar un "Abrulido", lugar onde abundan as plantas chamadas "abrulas" (de nome científico Digitalis purpurea, cf. DdD).

ACAROADA, (Cervo)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. DdD.
Tamén pode ser sinónimo de "rapado", segado até o chan, sen deixar "restreba".

ALBARELLAS, AS (San Román de Vilaestrofe)
Probablemente este topónimo "As Albarellas" derive de "as (terras) albarellas", sendo "Albarella" o diminutivo de "albar", o cal designa como apelativa "terras tirando a brancas, talvez pola arxila". En efecto, o termo "albar" é adxectivo derivado de "albo" ‘tirando a branco’, do latín album.  De feito, o dicionario da RAG indica para "albar": "Refiriéndose a la tierra, es la ligera y de mala calidad, en contraposición a la negra y pesada, que es la mejor". Cf. DdD.
De feito, o sufixo -ella, con certa carga despectiva, parece reforzar esta idea de "terras de mala calidade".
No entanto, esta interpretación é preciso tomala con reservas, pois o o adxectivo "albar" é aplicado non só a terras, senón a vexetais, co cal podería indicar "lugar poboado dun vexetal albar". Así o dicionario de Eladio Rodriguez indica que "se aplica a lo que tiene el color más blanco o claro que lo que es ordinario o general, como coello albar, carballo albar, centeo albar, piñeiro albar, toxo albar". Cf. DdDí. En efecto, non se pode desbotar a posibilidade de se tratar dun fitotopónimo, mais tampouco afirmala. De feito, este topónimo foi extensamente analizado por Navaza, quen tampouco se decanta por ningunha das alternativas (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, para Rivas Quintas forma parte dos procedentes do indoeuropeo *alb- ‘altura’ (cf. p 25 de E. Rivas, "Toponimia de Marín". 1982). Porén, esta interpretación non encaixa en moitos "Abares", así o Albares de la Ribera (León) fica na ribeira dun río. No caso do topónimo que nos ocupa, tamén se trata dunha zona de prados, polo que tampouco parece encaixa esta interpretación. 
Por outro lado, no Glossarium de Du Cange recolle a forma medieval albare  ‘estacada, cerca, foso, canle’. Esta acepción podería estar relacionada coa indicada por E. Rivas, e trataríase dunha relación semántica sinxela de algo semellante a "altura" para algo do estilo de "desnivel, terraplén". Tamén podería estar derivada do tema prerromano *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-, tal como interpreta E. Bascuas para "Albarán".

En resumo, hai dúas interpretacións máis ou menos plausibeis, porén, cremos que a máis sinxela, a de "terra albar", terra clara, de baixa calidade, debe ser a máis segura, sendo "albar" e "albeiro" aplicados en múltiples ocorrencias neste sentido de "tirando a branco", desde vexetais ata pedras de muíño.

O ALBARIÑO (Castelo)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén sindica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

A ALBARIZA (Castelo)
O termo "albariza" designa un  sitio onde abundan as colmeas. Cf. DdD.
Xeralmente, a alvariza implicaba un cercado, para protexer as colmeas dos osos e outros animais.
De ser esta a interpretación correcta, debería grafarse "Alvariza", pois derivaría do latín alveus 'cavidade', do cal xa en latín tamén deu alvearium 'colmea'.

A ALLEIRA (San Román de Vilaestrofe)
Este topónimo pode interpretarse de dous modos distintos:
1)Lugar onde abundan os allos. Pode referirse tanto aos allos comúns como aos allos bravos.
2) Punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. Neste caso derivaría do latín angularia.
Para especular entre unha das dúas interpretacións, sería preciso coñecer o lugar, cousa que non ocorre. Deixámolo para cando alguén que coñeza nos dea pistas de se está preto dun recanto do río ou non.

Existe un Allares e un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove, Foz, "O Alleiral" en Muras, etc.

AS ALTAFONAS (Cervo)
Significado incerto. Probablemente de "As Atafonas".
Unha "tafona" é un muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo).  Deriva do árabe tahuna. É unha das poucas palabras patrimoniais de orixe árabe existentes no galego. 

O AMIDO (Castelo -lugar de Trasbar)
Lugar onde abundan os amieiros ou ameneiros.

A ARMADA DA PENA (Castelo)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

A ARMAÑA (Lieiro)
Topónimo de orixe prerromana, relativo a augas ou correntes de auga.
Este é un topónimo interesante, por complementar o conxunto identificado por Edelmiro Bascuas entre os derivados do tema hidronímico paleoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse' (cf. p.44 e ss., E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
En efecto, o sufixo que presenta, -aña, é típico en formacións de orixe prerromana, en particular en hidrónimos paeloeuropeos, e parece reforzar, por tanto, a interpretación prerromana destes topónimos apuntada por Bascuas.

ARNADO (San Román de Vilaestrofe)
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga".
Algúns autores derivan "Arnado" do latín *arenatus, o mesmo que "Arnela" do latín arenella. Porén, isto non explicaría os "Arnoia" por exemplo, nin tampouco topónimos como "Arneeira" ou "As Arnesas".

AS ARNESAS (Cervo)
Autores como E. Bascuas e outros asígnanlle unha orixe na raíz hidronímica paleoeuropea *arn- (como "Arnoia"), co significado de "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". 
Neste caso, este topónimo dá nome a unha zona de prados, polo que parece confirmar esta hipótese de hidrónimo.

O BACELO (Cervo)
O termo "bacelo" 'viña nova', termo común a galego e portugués. Navaza inclúe Bacelo e Bacelar na súa obra "Fitotoponimia galega" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Temos un topónimo "Bacelos" en Xove e "As Bacelas" en Burela.
A respecto da etimoloxía de "bacelo", Sarmiento, e despois Corominas derívano do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra orixe: Sobreira explica bacelo como variante de "barcelo" 'pequena barcia' "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego").A derivación de barcelo> bacelo que fai Sobreira non presenta maior problema fonético, e a contraria tamén tería explicación, pois o -r-, se non fose etimolóxico, trataríase dunha ultracorrección (cfr. Gocende>Gocendre). 

BAÍÑOS (San Román de Vilaestrofe)
Significado escuro. 
Poderíamos pensar nun diminutivo de "vao" (do latín vadum ‘paso dun río), pero non parece encaixar se temos en conta a existencia "A Baíña" existente en Ribadeo.

BALTAR (Cervo)
De (uilla) *Baltarii, forma en xenitivo de Baltarius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal). É un nome de orixe xermánica, formado a partir de balth- 'audaz' e harjis 'exército'. (cf. p. 226 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).
É importante notar que o feito de a orixe do nome ser xermánica non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Alta Idade Media.

A BANDEXA (San Román de Vilaestrofe)
Ver "Rego da Bandexa".

A BALSA (Castelo)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
Segundo F. Villar, derivaría da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s- (cf. p. 299  de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana").
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

BAÑÁS, OS (San Román de Vilaestrofe)
A voz "bañal" aparece recollida no galego oriental coa acepción aproximada de "artesa" (cf. DdD). Noutras zonas, aínda que non aparece atestada, remite a unha vagoada que recolle as augas de chuvia, fontes ou rego.

Xa que logo, estes topónimos Bañal, rexistrados en Galiza (e fóra, como "Os Bañals" de Aragón), debe remitir tanto a un lugar en forma de vagoada, no que nalgúns casos podía quedar apozada auga.
Non moi lonxe, o Nomenclator rexistra un "O Bañal", na Rigueira (Xove).

OS BARBEITOS (Castelo)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

A BARCIA (Castelo)
Unha "barcia" é un "terreo chan e cultivado, un campo chan" (cf. DdD), moitas veces ao pé dun río. 
Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois pasou a significar "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos se este é o caso.
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

A BARROCA (Lieiro)
Unha "barroca" aludiría a un lugar do cal se extrae barro. Os dicionarios de galego recollen a acepción de "monte de barro ou lousa". Cf. DdD. Para o cognado portugués, os dicionarios recollen as acepcións máis xerais, de "barranco" e de "pequena porção de terreno, geralmente em declive e composto alternadamente de depressões e montículos" (cf Priberam).

BATÁN (Castelo)
O apelativo "batán" vén do latín battere, bater, golpear. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricados nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BEDRANCÓN (Cervo)
Grafía alternativa por "Vedrancón", aumentativo de "vedranco", e este á sua vez derivado de "vedro".
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, probablemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava e queima para despois cultivalo con trigo ou centeo". O sufixo de orixe prerromana -anco parece reforzar esta hipótese.

BELÉN (Castelo -lugar de Trasbar)
Probablemente de*(uilla) Bellenii, forma en xenitivo de Bellenius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola, casal").

BISADURAS (Castelo)
Grafía alternativa de "Vesaduras", e portanto derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).

A BODOEDA (Castelo)
O sufixo -eda indícanos que se trata dun termo abundancial, moitas veces referido a abundancia dun tipo de planta ou árbore. O máis probable é que se refira a "humedal", talvez con abundancia de xuncos, xunza ou similares, tal como detallamos de seguido.

Aínda que Navaza na súa obra de fitotoponimia non inclúe "budual" ou "budueda", si inclúe as formas similares "bodial", "bodiosa" e "budeiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Tendo en conta que en castelán están atestados bodenal e bodonal como 'xunqueira, terreo enlamado', e sendo bodonal o equivalente etimolóxico deste "budual", parece ser esta a interpretación máis plausible. En efecto, bodenal e bodonal foron analizadas por Corominas, así como as galegas "bodial", "budueda", que terían igual significado, simplemente muda o sufixo abundancial usado. 

Seguindo esta hipótese, queda a pregunta de se a motivación seria referida a unha "xunqueira" ou ben a un "terreo enlamado". A resposta parece dárnola a existencia de "bodonal" e similares co significado de  ‘humedal, charca’, cunha presenza en numerosos puntos das provincias de Zamora e Salamanca, "pero no en Castilla" (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Por outro lado, non podemos descartar que proveña de "bedueda", e por tanto indicaría un lugar onde abundan os bedueiros ou budueiras.

Atopamos tamén "Bodoedo" en Xove, que tería a mesma orixe, así como un "Budual" en Galdo, probablemente coa mesma orixe tamén, sexa cal for. 

O BORRALLO (Castelo)
O BORROALLO (San Román de Vilaestrofe)
Os apelativos "borrallo" e "borralla" defíneos o dicionario como "conxunto de residuos que quedan de algo que se queimou totalmente".
Probablemente estean referidos a actividades de "roza" no monte. Ver "A Roza".

A BRAXA (Castelo)
Topónimo de difícil interpretación. Moralejo Laso menciona para o topónimo "Braxe" a posibilidade de orixe céltica, en relación á mesma base do galo bragon 'pantano', de onde tería saído un brágina, que da mesma forma que o prerromano lagina deu laxe/laxa, tamén bragina tería dado Braxe e Braxa. (cf. A. Moralejo, 1981. "Notas acerca de algunos topónimos de la comarca de Betanzos" in "Anuario Brigantino").
Existe un "A Braxe" en Valdoviño e "Braxe" en Betanzos. Tamén existe un "O Braxal" en Carnota, cun sufixo indicador de abundancial, que parece confirmar que "Braxe" ou "Braxa" foron apelativos común que se conservou no romance. Posiblemente se tratase dun nome de planta ou árbore.
Finalmente, mencionar que o topónimo "Braxe" foi interpretado por Porto Dapena como orixinado no latín voragine 'abismo, profundidad inmensa de agua' (cf. A. Porto, 1986. "Estudio toponímico del ayuntamiento gallego de Cedeira"). Co máximo respecto para o profesor, non cremos que sexa o caso, entre outras razóns por aparecer o termo abundancial "braxal", que non encaixaría nesa interpretación.

A BREA (Lieiro)
Brea pode ter varias orixes e significados; probablemente neste contexto signifique "vrea" ("verea", "vereda").

BUSTELO (San Román de Vilaestrofe)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.

O lingüista J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, Miguel Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estáncia (para/de) vacas' , á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482) - cf. blog Frornarea.

A CABORNA (Castelo)
Aínda que os dicionarios non asturiano caborniutronco hueco y añejo del castaño’ (X. L. García Arias, 2000. "Pueblos asturianos: el porqué de sus nombres"), semella máis probable unha referencia a "cova".
Como indica Pascual Riesco, a base estará no latín căvus, que interpreta outros topónimos Cabuernia e similar como en referencia a unha árbore de tronco oco ou a unha cova (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).
Atopamos, probablemente relacionados,  "As Caburnas" en Muras e nas Somozas. Con todo, tamén son relativamente frecuentes en Asturias os topónimos "Caburno" e "Caburna" (cf. aquí), igual que existen en paralelo Cabuernia. Xa que logo, poderían ter a mesma raíz pero poden ser distintos termos, dada a duplicidade ben preservada tanto en galego como en asturiano, -orna=-uernia, fronte a -urna=-urna.

O CACHÓN (Rúa)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (Castelo)
CADAVEXO (San Román de Vilaestrofe)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.
No caso de "Cadavexo", corresponde cun diminutivo de "cadaval".

O CALVARIO 
(San Román de Vilaestrofe)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

A CALVELA (San Román de Vilaestrofe)
AS CALVELIÑAS (Lieiro, San Román de Vilaestrofe)
OS CALVOS (Castelo)
Os topónimos "Calvo", "Calva", "Calvelo", "Calvela" e "Calveira" refiren metaforicamente a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva, que daquela se atoparía no medio dun bosque.
Canto a "Calveliñas", trátase do diminutivo de "Calvelas". 

CALZADA, A (Castelo)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

O CAMBEIRO (Rúa)
OS CAMBEIROS (Rúa)
Probablemente alude ao alcume dun antigo posesor do predio, facendo referencia ás características das pernas e ao modo de andar. É formado a partir da base camb-, a mesma de cambelo / cambela e cambés/cambesa (‘estevado, de pernas tortas’) e de cambelas, na frase "facer cambelas" ‘facer eses ó andar’ (cf. DdD).

É un topónimo relativamente frecuente, así nesta área atopámolo en Adelán (Alfoz) e mais en Silán (Muras).

Por outro lado, o termo "cambeiro" tén outras acepcións (cf. RAG), aínda que encaixan pior como topónimo ("gancho"; "caínzo").
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con fabricante de cervexa.

CAMPO DOS BOIS, O  (Castelo)
Aínda que en xeral para o termo "boi" é difícil diferenciar as alusións aos animais deste nome fronte ás de rochas e penedos, neste topónimo semella ser probable o significado transparente relativo ao animal.
Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.

Dada esta homonimia, en xeral é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois" teña unha orixe litonímica.
Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.
Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades. 

O CAMPÓN (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
OS CAMPÓS (San Román de Vilaestrofe)
O dicionario define "campón" coas acepcións de "prado de secaño de moita extensión", e máis "terreo que despois de ser cultivado se deixa a campo". Cf. RAG.

A CAMPOSA (Castelo)
A CAMPOSA LONGA (Castelo)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

AS CANDAS (Rúa)
O apelativo "canda" é sinónimo de "garabullo", tamén chamado "cando".

A CANDORCA (Castelo)
O termo "Candorca" probablemente derive de "cando". 
O termo "cando", segundo Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado" (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).  Abondan, así,  os topónimos "Candaedo" e similares. Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo 'brillar, arder'. Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando". 

A respecto do elemento -orca, García de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

Con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo en Galiza.

OS CANGOS (Rúa)
Un "cango" é definido no dicionario como as táboas donde se poñen as lousas do tellado. Outra acepción é a de "pau groso malformado". Ambas as dúas acepcións están relacionadas: xeralmente os cangos dos lousados aproveitaban paus tortos.
Non está clara a interpretación toponímica neste caso. 

O CANTIÑO (San Román de Vilaestrofe)
Ver "O Canto".

O CANTO (Castelo)
O CANTO DO PAZO (Castelo)
O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente certo en "O Canto do Pazo", ou noutros topónimos como "O Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.
Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
É un topónimo frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño.

CARBALLA (Rúa)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario. O topónimo aludirá, xa que logo, á existencia dunha carballa que representaba unha referencia no territorio, e talvez delimitaba as lindes de propiedades.

CARBALLEIRA DBATÁN (Castelo)
O termo "carballeira" é transparente: lugar poboado de carballos.
Ver "O BATÁN".

CARDIDE (Lago)
Posiblemente o mesmo que "cardal", cardido, "sitio onde abundan os cardos". Cf. 
DdD.

A CARRANCOVA (Castelo -lugar de Trasbar)
Posiblemente teña igual ou similar significado ao rexistrado no galego da zona das Médulas (León), no cal se conserva a voz carrancova "Calvelo, lugar sen vexetación" (cf. aquí).

CARREIRA (Castelo)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

OS CARROCEIROS (San Román de Vilaestrofe)
Gonzalo Navaza recolle este topónimo no seu estudo de fitotoponimia, citando a interpretación que fixo Piel para este topónimo, adscribínoo á planta chamada "carrizo". Menciona ademais que posteriormente J. L. Pensado, en base aos documentos do P. Sobreira confirman plenamente dita adscrición (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Por outro lado, os dicionarios non nos aportan máis pistas, pois definen "carroceiro" con acepcións pouco ou nada axeitadas para un topónimo.

Finalmente, é de notar que tampouco encaixaría e a interpretación máis simple, de se tratar do alcume (estraño) dos posesores do terreo. De feito, ao atoparmos máis "Carroceiro(s)" na xeografía galega, non encaixa tal suposición, pois sería improbable tal abundancia dese alcume dando nome a tantos topónimos. Atopamos, por exemplo, os topónimos "O Carroceiro" e "Os Carroceiros" en Cariño.

CARTAS (Cervo)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa, máis improbable, é a de referencia á "carta" de posesiónpois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

A CASA DE SENRA (Cervo)
Ver "A SENRA".

A CASA DCASAL (Rúa)
Ver "O CASAL".

O CASAL (Rúa)
OS CASÁS (Cervo)
Voz transparente, que procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASAL DFAÍDO (Castelo -lugar de Trasbar)
Para "casal", ver "O CASAL".
En canto ao termo "faído" indica un lugar onde terían abundado as árbores chamadas faia, termo do latín (materia) fāgea, de fāgus.

CASMAIO (Rúa)
Posiblemente derivado de "Casa Maio". 
A existencia dun "Porto Maio" no concello de Aranga parece confirmar isto, así como a de "Pormaio" en Mañón e no Valadouro.
O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".
Tamén existe outro "Pormaio" no Valadouro.
A segunda parte do composto, "Maio", probablemente sexa apelido. 

CASÓN, O (Rúa, Castelo)
A voz "casón" é o aumentativo de "casa". Posiblemente "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial".

CASTELO (Castelo)
O CASTELO GRANDE (Castelo)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

O CEPADAL (Cervo)
Probablemente de "Cepedal", abundancial de "cepo", lugar onde hai cepos.
No entanto, dado que existen varios "O Cepetal" en Xermade, Muras, Galdo, e que existe tamén "O Zopetal", non se pode descartar que "cepadal" sexa unha "etimoloxía popular" de "Cepetal", o cal tén significado incerto.

CERNADA (Castelo)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DdD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" Vicente Risco, "Terra de Melide".

CERVO (Cervo)
Aínda que pareza transparente a orixe no animal dese nome, probablemente non sexa o caso, senón que se trate dunha forma con orixe prelatina, da mesma familia de topónimos que Cervantes, Cervaña, Cérvora, Cervia (a actual Servia), todos coa mesma raíz e de clara orixe prerromana, cos sufixos típicos prerromanos -nt-, -aña, -ora, -ia.
Ademais do anterior, outra razón a considerar que resulta infrecuente o nome dun animal en singular como topónimo (algunha vez podería ser usado metaforicamente para nomear a súa abundancia, pero é caso raro). 
Canto á orixe prerromana concreta, é difícil de establecer, posiblemente a mesma que indica Moralejo para o topónimo "Cervantes" (cf. aquí), a raíz indoeuropea *(s)kerbh- 'afiado', da que deriva a forma protocelta *kerbo- 'puntiagudo, afiado', ou o letón skarbs 'afiado, agudo'. Indicaría, talvez, por tanto, unha elevación do terreo ou un terreo rochoso.
En resumo, dúas formas de orixes distintas, unha prerromana e outra latina, confluíron fonéticamente, co cal é e será difícil inclinarnos por unha das dúas, quer lugar "afiado", quer abundancia de cervos.

No século XVIII atopámolo atestado como "Cérbo" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

O CHAO DO TESOURO (Rúa)
Ver "O Tesouro".

A CHAVIÑA (Rúa)
robabelmente diminutivo de "Chave", relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário).

Aínda que moi improbábel, tratándose dunha zona de prados, e dada a abundancia do topónimo "A Chave" por toda a Mariña, tampouco podemos desbotar neste caso, sendo un núcleo de poboación, que derive de *(villa) Flavina, dun antigo posesor chamado Flavinus, hipocorístico de Flavius, nome de orixe latina.

OS CHOPES (Cervo)
O termo "chope" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "pedazo pequeno dun monte cercado."
O Nomenclator rexístrao na toponimia menor de varios concellos de toda Galiza, como en Muras, na Estrada, etc.

A CHOUSA DA ESTIVADA (Rúa)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 

O termo "estivada" ou "estibada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega", así como a información indicada no dicionario de Eladio Rodríguez (cf. DdD).

A CHOUSA DA ROZA (Castelo)
A CHOUSA DOS FEÁS (San Román de Vilaestrofe)
Unha chousa refire a unha finca cercada. Vén do latín clausa(m).
Para "Roza", ver "A Roza Vella".
Para "Feás", ver "OS FEÁS".

O CODORRAPACES (Cervo)
Forma composta, de "O Con dos Rapaces", sendo "con" o apelativo para "penedo que sobresae na costa", o cal encaixa neste caso.

O COÍDO (Cervo, Lieiro)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros".

A CONGOSTRA (Rúa)
A CONGOSTRA CHÁ (Rúa)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. 
Pode ser sinónimo de "corga, córrego". 
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. Cf. DdD.

CORNAS (Sargadelos)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

AS CORTICEIRAS (Cervo, Sargadelos)
O apelativo "corticeira" designa a árbore tamén chamada "Sobreira" 'quercus suber', da que se tira a cortiza.

A CORTIÑA (Cervo, Castelo, Lieiro, Rúa, Sargadelos)
AS CORTIÑAS (Cervo)
O apelativo "cortiña" vén do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulu(m), ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que polo xeral estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTOIRA (Castelo)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver blog Pena da Cataverna.

O COTO DE MOMPODRE (Rúa)
Un "coto" designa a "parte máis alta dun monte, que ten forma cónica".
O termo "Mompodre" é un composto de "Monte Podre". Aquí "podre" pode indicar a existencia de augas estancadas ou de lamaceiras.

O COUZO DA CHOUSA (Rúa)
Un "couzo" é o mesmo que "couce", termo con múltiples acepcións, que nestes casos viría de calce  "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Refire, por tanto, a un canto ou curruncho da chousa.

O COVELO (Castelo -lugar de Trasbar)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

A CRUZ DE PEDRÓN (Rúa)
Segundo os dicionarios, o apelativo "pedrón" indica unha pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo (cf. DdD).
Os topónimos "Padrón", "Pedrón" e "Padornelo" fan moitas veces referencia a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV: 
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Por veces estes "Pedrón" e "Padrón" corresponderían con demarcacións de territorios na época medieval. 

Por outro lado, Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

CUBELAS (Lieiro)
De "Covelas", diminutivo de "cova", ben no sentido de "furada", ben no sentido de escavación ou sepultura.

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

CUÍÑA (Cervo)
A orixe e significado do termo "cuíña" é discutida, aínda que probablemente corresponda co apelativo "cuíña" 'pequena elevación de terreo'. Esta é a orixe que lle asigna tamén P. Martínez Lema. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. aquí). 
Hai outras teorías, como derivalo do latín colina ou culina, co significado de "cociña" (cf. aquí), co argumento de ser improbable que derive do latín collina, pois non se perde o dobre l. 
Outra teoría alternativa é a de E. Rivas e Cabeza Quiles, que explican os diversos Cuíña e Cuña do territorio galego como derivados dunha raíz oronímica preindoeuropea  *con- / *cun-  'rocha, prominencia, altura'. Finalmente, Nicandro Ares apunta a posibilidade de derivar do apelativo "coíña", no sentido de "col nova". Porén, crémolo improbable, pois un apelativo tan común, que sería anecdótico, non pode ter tantas ocorrencias na toponimia galega. Outra alternativa que propón N. Ares é a de "coia", o termo prerromano.

AS CURUXEIRAS (Rúa)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos, con vexetación frondosa". Cf. DdD.
É un topónimo relativamente frecuente, así atopamos outro por exemplo en Ribadeo.

DAIÁN (Cervo)
De *(uilla) Dadilani, forma en xenitivo de Dadila, nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola), nome de orixe xermánica.

AS DAIANAS (San Román de Vilaestrofe)
Terras que pertenceron a unha persoa de Daián (Cervo), ou apelidada "Dayán", apelido presente soamente nos concellos limítrofes e, como tal, remitindo a unha persoa oriúnda do lugar de Daián.

AS DONAS (Castelo -lugar de Trasbar)
No galego medieval o apelativo "dona" era usado maiormente para as mulleres da nobreza e para para referirse ás monxas, freiras ou abadesas.
Rivas Qintas indica tamén o uso no folklore, onde "dona" alude a unha 'ninfa', "con semántica igual a xana" (cf. E. Rivas. "Toponimia de Marín").
Este topónimo alude, xa que logo, a un establecemento cenobio ou convento de freiras, ou tamén á propiedade eclesiástica sobre este lugar.

A ENCRUCELADA (Castelo)
Topónimo transparente, sinónimo de "Encrucillada" e de "Crucelada", e que alude a un cruce ou confluenza de camiños. 
Os cruces de camiños tiñan gran carga simbólica, mítica e relixiosa, xa desde os romanos polo menos. Neles enterrábanse aos que morrían sen batizar, e neles detíñanse os enterros para rezar. Tiñan lugar ritos máxico-relixiosos como os de colocar pucheiros, con moedas ou con outros obxectos. Semella tamén que se daban neles rituais de fecundación ou a cura do "ollo-mao".
Canto ao topónimo, segundo o Nomenclator de Galiza, a variante "Encrucelada" dáse maiormente na área Mindoniense, maiormente no oeste desta área, de Ferrol ata Cervo. Non é, con todo, exclusivo desta área, así por exemplo recólleo Xabier Moure no Concello de Pedrafita.

O ESCAIRO (Castelo, Rúa, Sargadelos)
O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

O ESCALEIRO (Castelo)
O mesmo que "escairo", aínda que neste caso conservou o "-l-".

A ESCALLA (Cervo)
A ESCALLAR (San Román de Vilaestrofe)
Aínda que non recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega, tanto "A Escalla" como "Escallar" semellan indicar un abundancial, un lugar onde abundan os "escallos" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto", aínda que hai outras acepcións, que detallamos nesta páxina na entrada "Os Escallos".
O Nomenclator rexistra tamén un "O Escallar" en Burela e "O Escallal" no Valadouro.

OS ESCALLOS (Rúa)
Probablemente "lugar onde hai escallos", aínda que non fose recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega. 
O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto".

Por outro lado, noutras xeografías próximas atopamos outras acepcións: o filólogo García de Diego recolleu variadas acepcións fitonímicas, entre elas o asturiano escayu ‘zarza’, o cántabro escajo ‘toxo’ o el portugués escalheiro ‘silveiral’. No mesmo sentido, para o portugués escalheiro indica que "se usa tanto para ‘espino, Crataegus monogyna’ como para ‘galapero, peral silvestre, Pyrus sp.’ " (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Todos as acepcións mencionadas estarían en relación co baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito')
Considerando esa etimoloxía, hai quen o interpreta como "un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto" (cf. aquí). Rivas tamén menciona esta orixe (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007).

Atopamos tamén "A Escalla" na parroquia de Cervo e A Escallar en San Román de Vilaestrofe, e xa fóra do concello, un "O Escallar" en Burela e "O Escallal" no Valadouro.

A ESCOURA (Rúa)
A escoura é una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Tamén a "pedra da cor do ferro".

O ESCOURIDAL (Rúa)
Abundancial de "escoura", lugar onde abunda a escoura. Ver "A Escoura".

ESCOURIDO (Castelo)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").

ESPIÑEIRIDO (Cervo)
Topónimo transparente: lugar onde abundan ou abundaron os "espiños".

AS ESQUEIRAS (Sargadelos)
Unha "esqueira" é, polo xeral, sinónimo de "escada". Por veces, "esqueira" refire en particular á "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. DdD.

A ESTIBADA (Rúa, Castelo)
AS ESTIBADAS (Rúa)
Grafía alternativa por "estivada". Ver "A Chousa da Estivada".

O ESTIBO (Castelo)
O dicionario define "estivo" como "terreo labradío con varias parcelas de distintos donos".
Posiblemente orixinado nunha estivada (roza). Ver "A Chousa da Estivada". 

O FARILLÓN (Rúa)
O termo "farillón" non vén no dicionario de galego, pero si aparece no de portugués, así como no vocabulario de termos mariños d'A Mariña recollidos por Paco Rivas, que define “farillón” como 'illote ou rocha alta, escarpada, no mar ou na costa' (cf. F. Rivas "Entre o abalo e a zaranda")
É, por tanto, sinónimo de "farallón", que derine o DRAG como 'rocha alta, moi próxima á costa, que sobresae moito mesmo na preamar'.
Hai tamén os topónimos "Farillón Alto" e "Farillón Pequeno" na costa de Ferrol.
No caso que nos ocupa, descoñecemos a situación exacta, pero tamén podería tratarse metaforicamente dun penedo que sobresae, aínda sin ser na costa.

OS FEÁS (San Román de Vilaestrofe)
Plural de "feal", herbal, terreo que produce "feo", herba para forraxe, por veces o silvestre (Deschampsia flexuosa).
Por extensión,  “feal” indicaría “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
         “ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).


FERROLAS (Rúa)
Topónimo que alude a (terras) ferrolas, pertencentes a unha persoa de Ferrol (A Rigueira). É unha construción adxectival/posesiva típica na toponimia galega.

FIGUEIRIDO (Sargadelos)
Topónimo transparente: lugar onde abundan (ou abundaron) as figueiras.

A FIONZA (Sargadelos)
O topónimo deste nucleo de pobiación é de orixe incerta.
Atestado como nome de muller no ano 934, segundo Boullón Agrelo, que o etiqueta como "de dificil interpretación", pode tratarse dun derivado do latín fides. Menciona tamén a existencia do equivalente masculino Fioncius, atestado en Cantabria no ano 790. Cf. p.211 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".
Para Menéndez Pidal é posiblemente prerromano, relacionado con "Fión" e "Fiobre". 
É importante notar a existencia doutro núcleo de poboación chamado "A Fionlla" en Barreiros, posiblemente relacionado tamén, o cal parece apuntar á hipótese de Menéndez Pidal.
Existe "Navia de Fiuncia" en Salamanca, que tamén se podería interpretar como nome de muller.
Alternativamente, Boullón Agrelo tamén menciona a posibilidade etimolóxica dunha orixe xermánica en Fili-gundia, de evolución similar á de Aldonza < Aldegundia.

FONTAMAR (Cervo)
Significado incerto. Posiblemente composto de "Fonte Amar".
O termo "amar" posiblemente teña orixe paleoeuropea (e por tanto, precelta), e derive da raíz indoeuropea *am-, frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana, e cun significado relativo a "suco, canle, cavar" (cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).
Alternativamente, podería vir de Amari, xenitivo de Amarus, ou de Ademari, xenitivo de Ademarus, nome de antigo posesor.

FONTAO (Santo André de Boimente)
O FONTAO (Lieiro)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente  derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. Moralejo Lasso. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería derivado dun posesor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles). No entanto, esta hipótese é improbable ao non ser este topónimo un núcleo de poboación e levar artigo diante.

A FONTE DA AGUIEIRA (Castelo)
Alude a un lugar frecuentado polas aguias ou onde aniñan. Pode tratarse dunha referencia metafórica, aludindo á situación e orografía do lugar.


FONTE DA POLTREIRA (Cervo)
Ver "As Poltreiras".

AS FORCADAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Posiblemente relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal). Temos neste concello igualmente o topónimo "O Forcón", cunha alusión probablemente similar.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.
Na toponimia atopamos frecuentemente a aplicación de termos derivados de forca para referirse a confluencia de ríos ou regatos.

O FORCÓN (Castelo, Rúa, San Román de Vilaestrofe)
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia deste e doutros derivados de "forca" é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato. 
Tamén podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
No casos que nos ocupa, é moi probable a alusión a bifucación de regato. De feito, para o caso d"O Forcón" da parroquia de Rúa, atopamos tamén "O Rego do Forcón" que confirma esta interpretación.

O FOXO (Castelo)
O FOXO DO POMAR (Castelo)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

A FRAGA DO MOSQUEIRO (Rúa)
Ver "O Mosqueiro".

O FREIXO (Rúa -lugar do Freixo)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".
É un topónimo frecuente en Galiza.

GONDRÁS (Lieiro)
De (uilla) *Gundilanis, forma en xenitivo de Gundila, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola, casal")
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

O GUEIMIL (Cervo)
Etimoloxía incerta, aínda que con moita probabiidde proceda dun nome de posesor de orixe xermánica, cun segundo tema -miri.
Podemos supor unha fase previa na que se denominase "Gueimil", sen artigo, e por tanto proviñese posiblemente de (uilla/fundu) Guinimiri, indicando unha antiga propiedade dunha persoa chamada Guinimirus, nome de orixe xermánica (de weniz 'amigo' e -mirus 'famoso').
No entanto, non atopamos atestado este nome en Galiza, e tampouco corresponde cun núcleo de poboación, polo que esta orixe é apenas unha hipótese con reparos.
Precisaríamos documentación antiga que o confirmase, mais non é o caso.

O ILLÓ (Castelo)
O  termo "illó" designa un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. DdD).
A orixe é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, aínda que outros (e.g. E. Bascuas) derívano dun termo prerromano paleoeuropeo a partir da raíz indoeuropea *wel- 'xirar' (cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A INFESTA (San Román de Vilaestrofe)
O mesmo que "enfesta" 'cuesta que desciende á una hondonada, ó termina en ella', 'cume, pico, lugar alto'. Cf. DdD.
Probablemente en sentido metafórico: no dicionrario de Carré Alvarellos define "enfesta" como teiroá, "travesero de madera que une la cabezalla del arado con el dental" e tamén como a "Pieza de madera que regula la engranda del (grano en la muela del) molino".

LAGAS (Cervo)
O termo "laga" significa "remanso no río", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'".

LAGO (Lago)
Significado transparente. Este topónimo figura atestado no 1128 nun documento de Afonso VII "ad aquam de Lacu" (cf. "España Sagrada"). 

AS LAMESTRAS (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove), "Rego da Lamestra" en Alfoz, etc.

LEAS (Castelo)
Posiblemente de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacibles, en remanso'.
Estaría relacionado con outros topónimos como  "Ribeiras de Lea", con "As Leas" no Valadouro ou co asturiano "Llena". Cremos improbable que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

LIÑAR (Castelo)
Fitotopónimo transparente, remitindo a terras nas que se cultivava o liño, aproveitando a boa calidade da terra.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

AS LOBEIRAS (Rúa)
O nome "lobeira" indica "sitio, gorida de lobos". Cf. DRAG.

O LODEIRO (Cervo)
OS LODEIROS (Cervo)
O termo "lodeiro" remite a unha lameira, terreo con lama. 
Alternativamente, ten tamén a acepción de árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus", aínda que é máis improbable.

AS LÓNGARAS (Lieiro, San Román de Vilaestrofe)
Este topónimo alude a (terras) lóngaras, 'terras alongadas'. En efecto, o termo "lóngara" está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas). 
En canto á etimoloxía, o termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 (cf. CODOLGA):
estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.

LOURIDO (Castelo)
Un "lourido" é un lugar onde abundan os loureiros.

O MACHUCO (Rúa)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción derivada do latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados). 
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo.

MARCO (Castelo, San Román de Vilaestrofe)
O termo "marco" indica a existencia, actual ou antiga, dun marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe deste "marco" pode ser medieval,  ou miliario romano, ou tamén podería tratarse dunha pedrafita ou menhir prehistórico.

A MEDELA PEQUENA (Castelo) 
Diminutivo de "meda".  "Meda", do latín meta(m), designa unha morea de mollos de cereal segado, aínda que tamén pode referir a unha "mámoa".

AS MODIAS (Cervo)
O termo "modia" refírese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

MONTAROSO (Sargadelos)
Composto de "Monte Aroso", probalbmente de "Monte Hederoso".
Segundo  Navaza e Martinez Lema, "Aroso"  explicaríase a partir do latín hederoso, abundancial de hedera 'hedra'. (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006) (cf. tamén aquí)
Alternativamente o topónimo  "Aroso", o mesmo que no caso de "Aro", estaría relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

O MONTE ACAROADO (Castelo)
Podería ser "acaroado" coa acepción de "labrado até os estremos, sen deixar cómaro algún". Cf. DdD.
Tamén pode ser sinónimo de "rapado", segado até o chan, sen deixar "restreba".

O MONTE DA COSTOIRA (Lieiro)
Monte da vixilancia. Ver "A Costoira".

O MONTE DA LANGOIRA (Cervo)
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego da encosta" ou "rego longo".
Ver entrada blog Pena da Cataverna para máis detalles.

O MONTE DA MEDELA (Lieiro
Diminutivo de "meda".  "Meda" é unha morea de mollos de cereal segado, aínda que podería referir a "mámoa", ou simplemente a unha elevación no terreo en forma de meda.

O MONTE DA MODEA (Rúa)
O termo "modea" debe ser unha grafía alternativa por "modia". Unha "modia" refírese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

O MONTE DAS CANDAS (Rúa)
Os apelativos "canda" e "cando" son sinónimos de "garabullo".

O MONTE DE FERNANRUBE (Rúa)
Referido a un antigo posesor chamado "Fernán Rube", ou, igualmente probable,  de "Fernán Rubo". O apelido "Rube", se non provir de "Rubo", podería provir de Rufi, a forma en xenitivo de Rufus, talvez dun antigo topónimo (uilla) Rufi

O MONTE DE LAMABICOI (Cervo)
O termo "Lamabicoi" é un composto de "Lama Bicoi", indicando unha "lama" (no sentido de "lameiro", "prado"), pertencente a *Bicoi, nome de probable orixe xermánica.
No entanto, sen dispormos de documentación antiga é difícil estabelecer con certeza a orixe de "Bicoi" Bicoi. Podería ser, tal como se indica, a típica construción bitemática xermánica, dado o segundo elemento -oi. O primeiro elemento "Bic" viría do proto-xermánico *bēgaz 'rifa, loita', ou ben, tal como ocorre co nome medieval "Vigoy", de *wīgaz 'loitador'.
É importante notar que, aínda que o nome *Bicoi fose de orixe xermánica, isto non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

O MONTE DE MOTÍN (Castelo)
O termo "Motín" probablemente deriva de (agru) Muttini(i), forma en xenitivo de Muttinus ou Muttinius, o nome do antigo posesor, nome de orixe latina (á súa vez, de posible orixe etrusca, cf. aquí).

O MONTE DO CARITEL (Castelo)
O topónimo "caritel" tén certa frecuencia en Galiza, e parece indicar un lugar oque posúe dereitos específicos relacionados coa autoridade, e por extensión, lugar onde se pagou multa dereitos de "caritel", talvez por ter ocorrido nel un roubo ou morte. Xa máis contemporaneamente, indica pago de dereitos de deslinde e colocación de marcos. 

Na Idade Media existía o dereito de "caritel", polo que os veciños dun lugar debían pagar unha multa caso de ocorrer no seu distrito un roubo ou asasinato. Porén,  "caritel" na documentación medieval, na área galego-portuguesa, tamén parece ás veces presentar, por extensión, un significado máis xeral de "termo, distrito". 

Xa Sarmiento estudou este termo (cf. aquí), relacionándoo como topónimo co pago da citada multa, ou ben como expresión metafórica derivada do verbo "caritar", en terreos de penas e escarpados, indicando "cicatrices" no terreo.  Esta interpretación foi despois seguida por Rodrigues Lapa (cf. "Fray Martín Sarmiento e o vocábulo caritel", Boletim de Filologia 1, 185-198). 

Por outro lado, Paulo Merêa coincide con Sarmiento na acepción de "sinal", aínda que discrepa da segunda interpretación que fai Sarmiento cono "cicatriz" no terreo (cf. "Caritel (a propósito das reflexôes de Fray Martín Sarmiento)", Boletim de Filologia Portuguesa, II, 1934). Así, Merêa coincide en que "caritel" procedería de caractellum, diminutivo de caracter (character), pasando a significar un "sinal" ou "marca" (incluso un marco ou pedrón), e daí un selo ou dereito da autoridade.

Sen podermos xulgar cal é a interpretación correcta, semella probábel a interpretación de Merêa, e, pola contra, o sentido metafórico de "penasco" parece non encaixar, sendo que a maioría dos topónimos galegos "Caritel" examinados non corresponden a lugares de penascos ou de quebradas.

Nalgúns dicionarios galegos, "caritel" é recollido como "pena que pagaban os veciños dun lugar onde se cometía un roubo ou morte", e tamén "dereitos que 
pagaba quen solicitaba o deslinde dunha finca" (cf. DdD).

O Nomenclator rexistra outro "O Caritel" na cercana parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

MONTE DO TESOURO (Rúa, Castelo)
Ver "O Tesouro".

O MONTEIRO (Castelo)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores" (cf. RAG), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”.
As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais,  foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. 
Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras.  Cf. A. Reboreda, "Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo". 2009 (aquí).

OS MONTES DO MORGALLÓN (Cervo, Sargadelos)
O topónimo "Morgallón" é frecuente en Galiza e ten probablemente unha orixe prelatina. 
Podería estar relacionado con "morgallo" ou "murgallo" 'restos de leña ou outros materiais', aínda que non semella probábel.
Tamén cremos rexeitable que derive da acepción de "mergullón" (ave palmípeda) que rexistra o dicionario. Se fose un derivado directo de mergullar, tampouco tería sentido chamarlle a un topónimo polo nome de acción, igualmente tampouco non hai "O Chapuzón" nin ningún similar, e menos aínda coa frecuencia deste topónimo.

Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos asignarlle orixe prelatina, máis aínda se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (e.g. F. Villar, cf. aquí).

Dese modo, poderíamos pensar nas raíces indoeuropeas *meregh- 'empapar, orballo' ou *mereg 'borde, fronteira' (cf. Pokorny IEW 738), entre outras. 

A hipótese *mereg 'borde, fronteira' semelaría máis probable por ter correspondencia no céltico *morg-, aínda que non parece haber outros nomes derivados desta raíz que parezan confirmar a súa presencia no noso territorio. En canto á raíz indicada *meregh- 'empapar, orballo', seméllanos máis coherente coa localización dos varios "O Morgallón" existentes na xeografía galega: 
  • O lugar d'O Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí.
  • Existe outro "Morgallón" en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí.  
  • Existe tamén un "montes do Morgallón" no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña.
  • Hai un "Cueto del Mogro" en Cantabria, cunha situación bastante análoga (""es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría.."). Para este "Mogro" postúlase esa orixe nos radicais "mor-iko". Cf. aquí.
Alternativamente, poderíase pensar nunha relación coa raíz prerromana mor(r)- , relativo a "pedra", referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea". Porén, a localización do topónimo "Os Morgallós", nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar esta hipótese.


É importante remarcar tamén a posible relación cos topònimos "Morgal" en Salas, Asturias, e "Morgovejo" en León, documentado "Mogrovelio"en 921 (cf. aquí).

O MOSQUEIRO (Rúa)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). 

Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

A MOURISCA (San Román de Vilaestrofe)
Interesante topónimo que, ante a falta de documentacion antiga da que dispoñermos, deixa unha morea dúbidas.
Primeiramente, atendendo ao seu significado literal, estaría relacionado cunha terra pertencente a un mourisco, un cristiano converso, de orixe musulmá. Habería, incluso, unha posibilidade de relacionar o termo como despectivo para un mozárabe, en relación ás hipotéticas inmigracións de mozárabes para Galiza na Idade Media.
Alternativamente, relativa á cor do terreo mouro.
Ao non termos documentación antiga, tampouco podemos desbotar unha orixe na raíz prerromana *mar-/*mor- "rocha, altura", e por tanto sen relación co termo "mourisco".

O NABALIÑO (Cervo)
Un "nabal" é un lugar onde se sementan nabos.
Nalgúns casos, podería estar relacionado coa raíz prerromana *nav-, presente en topónimos como "Nava" e en "Navallos".
Neste caso, sendo unha terra de labor, non hai razóns para que non estea referido á plantación de nabos.

O NADELO (Rúa)
Os topónimos "Nadela" e "(As) Nadelas" son relativamente frecuentes en Galiza. O topónimo que nos ocupa, "O Nadelo", entidade de poboación, é un caso único.
En canto á motivación e significado dos topónimos "Nadela" e "Nadelo", en xeral, aínda que os dicionarios de galego non rexistran a voz "nadela", o máis probable é que aludan a un manancial, nacente de augas, fontela.

En efecto, esta voz recóllea Figueroa Panisse coa acepción de "Nacente / Gorgulhao / Fontenla" (cf. A. Figueroa, 1988. "O problema da fixaçao da linguagem científica numa lingua em vias de normalizaçao: O caso do galego"), e indica que a recolleu en conversa con Rodrigues Lapa.

Similarmente, Lorenzo Baleirón indicou que "quizais algúns deles [Nadelas] sexan mananciais ou fontes onde as augas nacen" (cf. M. Lorenzo. "Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga").
En canto á etimoloxía, é incerta pero podemos pensar 

Por outro lado, cremos que é extremadamente improbable a interpretación dalgúns autores para "Nadela" como aludindo ao nome personal latino Natella 'filliña', diminutivo de Nata. Primeiramente pola relativa alta frecuencia dos topónimos Nadela e Nadelas, que se for esta a razón, non se correspondería coa súa infrecuencia documental. Segundo por atoparmos varios deles en plural "Nadelas", máis improbable para topónimo persoal. Terceiro porque a existencia dun "As Nadelas", con artigo, torna aínda menos probable que remita a un nome de persoa. Cuarto, pola existencia deste topónimo "O Nadelo", con artigo e en masculino, que o torna tamén altamente improbable que derivase dun nome persoal.

O NOVAL (Castelo)
De "o (agro) noval", de "finca nova".
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable" (cf. DdD).

A OLGUEIRA (Cervo)
Probablemente estamos ante unha forma abundancial, indicando "lugar onde abunda a olga", sendo a "olga" neste caso un sinónimo de alga, tal como recolle o dicionario (cf. DdD). 
En efecto, de todas as interpretacións existentes para "Olga" (ver, por exemplo, "A veiga das Olgas" na Toponimia de Muras), no caso que nos ocupa, ao tratarse dun coído, semella plausible a acepción de "alga", co cal "olgueira" indicaría, por tanto, un lugar onde abundan as olgas ("algas"), ben porque nacen no coído ou porque as xuntan. 
É interesante, dada esta situación nun coído, reparar na acepción recollida para "olga" na zona do Eo como "en ciertas riberas y playas del mar, sitio de profundidad y abrigo que forma remanso, en el cual se depositan las algas marinas." (cf. "olga" en, B. Acevedo e M. Fernández "Vocabulario del bable de occidente", 1932).

OS OLLEIROS (Rúa)
O  termo "olleiro" designa un punto onde brota auga do chan (cf. DdD), o mesmo que o cognado portugués olheiro.
Tal como ocorre para o termo "illó", a orixe é controversa. Podería derivar do latín vulgar *oculariu, ou alternativamente dun termo prerromano paleoeuropeo a partir da raíz indoeuropea *wel- 'xirar'. E. Bascuas non se refire a "olleiro", aínda que si a illó (cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

OROSA (Cervo)
De "hedrosa", sitio onde abunda as hedras (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O OUTÓN (Castelo -lugar de Trasbar)
Aumentativo de "outo" ("alto"). 
O Nomenclator rexistra o mesmo topónimo noutras zonas da comarca, como en Ribadeo, no Vicedo, así como noutras comarcas, como en Carballo, Porto do Son, etc.

O PAINZAL (Rúa)
Lugar con paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo. 

A PALLAREGA (Rúa)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "c
asa pequena cuberta con palla", "Palleiro", "Restrebas" (cf. aDdD).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos  "A Pallarega" en Muras e en Boimente (Viveiro), así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

O PAMPILLAR (San Román de Vilaestrofe)
Lugar onde abunda o "pampillo", unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida. Cf. RAG.

AS PANDAS (Rúa)
O PANDO (Castelo)Unha "panda" ou "pando" é o mesmo que "lomba", un terreo combado ("pandado").
Un "pando" é o mesmo que "panda",  unha lomba, un terreo combado ("pandado").

O PARAÑO (Cervo, Sargadelos -lugar do Paraño)
"O Paraño" (Castelao)
Leandro Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario galego como "lugar amparado, protexido". Cf. DdD. Podería significar "terra con certos "privilegios", tamén recollido así en portugués."

Outros significados, como "aparador" ou o  tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira" parecen máis improbables dada a cantidade de topónimos que aparecen nos concellos cercanos (en Sumoas, en Valcarría, en Covas, etc). Así e todo, podería estar relacionado con pedras asociadas a construcción megalítica antiga, de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros".

A PARDIÑEIRA (Castelo)
O PARDIÑEIRO (Cervo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
O topónimo "Pardiñeiras" é  moi frecuente por toda a Galiza. En Mogor (Mañón) hai "As Pardiñeiras", en Riobarba e en Covas hai "A Pardiñeira", en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc. 

A PASADA DE MADRIÑÁN (Rúa)
A PASADA DE MARTÍN PAZ (Rúa)
A PASADA DO LOBO (Rúa)
A PASADA DO REGO DO XUNCO (Rúa)
O apelativo "pasada" remite a un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña", tamén chamados "poldras". 
Canto a"Madriñán", provén de Materniani, a forma en xenitivo de Maternianus, nome de orixe latina, e fai referencia a un antigo posesor dun lugar que estaría preto da pasada.

PÉ DO CANTO (Castelo)
Lugar situado a carón do "Canto". Ver "O CANTO".

PEDRA CHANTADA (Cervo)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun menhir prehistórico.

PEDRIDE (Cervo)
O mesmo que "pedragal", lugar onde abundan as pedras. O abundancial en -ide é relativamente frecuente nesta zona, así "Mexilloíde" en Xove. Cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega".

O PEDROUZO (Castelo, CervoSan Román de Vilaestrofe)
A voz "pedrouzo" designa unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. DdD.
O sufixo -ouzo dálle un matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. Priberam.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e en particular na Mariña Central e Oriental; o Nomenclátor rexístrao en Cervo, Foz, Barreiros, Ribadeo.

A PENA DA ARCA (Cervo)
Unha "arca", xeralmente refírese a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada). Outras veces indica somente a existencia dun marco divisorio, por veces medieval.

A PENA NADELA (O Monte)
Posiblemente referindo a unha pena na cal preto dela hai un nacente de auga. ver "O NADELO" para máis detalles.

PERCORVO (Rúa)
Referido a un antigo posesor chamado "Pero Corvo". O nome Pero, na época medieval, correspondía co actual "Pedro".

O PEREIRO (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
A súa orixe pode estar relacionada con pirariu (árbore) ou con petrariu 'pedreiro'. Nalgúns casos, dada a orograría onde se ven as penas, parece probable a orixe en petrarium. 

A PEZA DAS DONAS (Castelo)
O termo "peza" indica, neste caso, un campo grande que se labra (cf. E. Rivas DdD).

Para "Donas", ver "As Donas".

A PEZA DE VIÁN (Cervo)
O termo "peza" indica, neste caso, un campo grande que se labra (cf. E. Rivas DdD).

En canto a "Vián", talvez proveña de Apiani, xenitivo de Apianus, ou incluso de Vibiani, forma en xenitivo de Vibianus, rexistrado por Solin (cf. H. Solin, 1977. "Die innere chronologie des römischen cognomens"), e para o cal Boullón indica varios casos atestados en Galiza no século XII (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, podería provir de Vegilani, a forma en xenitivo de Vegila, nome de orixe xermánica (cf. M. Costa, blog Frornarea). 

O PIAGO (Castelo)
OS PIAGOS (Cervo)
Un "piago" ou "peago". do latín pelagus, é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. 
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.

AS PICHEIRAS (Rúa)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Alude a algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

O PICO DO XIRGO (Rúa)
Aínda que sexa soamente unha hipótese, é razoable interpretar "xirgo" como forma evoluída por "sirgo", e que aluda dalgún xeito á produción de seda, á artesanía téxtil da seda (o apelativo "sirgo" é sinónimo de seda, e deriva do latín sericum).
 A artesanía téxtil da seda estaba moi difundida na Idade Media. Nas Cantigas de Santa María menciónase:
         ..... en Estremadura, en Segovia, u morar hua dona soya, que muito sirgo criar en ssa casa fazia ....

En Riobarba (O Vicedo) atopamos un núcleo de poboación chamado "Os Sirgos", que aludiría igualmente a unha antiga produción de seda .

PIMPÍN (Cervo, San Román de Vilaestrofe)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber  lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

O PIÑEIRO (Castelo, Cervo)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome. 
Tanto neste caso como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde. Tampouco se pode descartar que, aínda que figure en singular, se refira a un piñeiral e non a unha única árbore.

A PINGUELA (Castelo, Cervo)
O termo "pinguela" ven de pingar "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.

Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano polo que verte auga unha fonte".

OS PISÓS (Cervo)
Un "pisón" é similar a un "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

O PLANTÍO (Castelo, Rúa)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Probablemente unha parte dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Por outro lado, interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

AS POLTREIRAS (Cervo)
O termo "poltreiras", como topónimo, é interpretado por Piel no sentido de "paso no río" :
 "pedras, colocadas de margem a margem, num regato ou rio, para dar passagem" (cf.  J. Piel, 1945. "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII).

A PORTELA (Cervo)
Diminutivo de "porta", co antigo sufixo -ela.
En canto á súa significación toponímica, os dicionarios de galego rexistran varias acepcións, relativas a paso estreito por onde se atravesa un monte ou dunha depresión. Di E. Rivas: "depresión en una loma, por la que se pasa a la otra parte, que originó infinadad de orónimos en la geografía del NO".
Por outro lado, Eladio Rodríguez e outros tamén recollen a acepción de "portillo que hay en una finca cerrada, por sitio que puede pasar un carro"(cf. DdD).
Calquera das dúas acepcións pode encaixar nun topónimo, descoñecemos a situación deste en concreto.

O POZO DE LANGOIRA (Cervo)
Ver "O Monte da Langoira".

O POZO DOS MONXES (Cervo)
Non cremos que teña relación algunha con ordes relixiosas, senón que indicaría un "pozo no que abondan os munxes". Na zona de Viveiro chámase "monxe" ao peixe mugil cephalus.
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a "Punta dos Monxes" en Suegos (O Vicedo), "A Bogueira" en Barreiros, a punta "Besugueira" en Burela, a "Punta dos Mógaro" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

O PRADO DA POLTREIRA (Cervo)
Ver "As Poltreiras".

O PRADO DO PICHEIRO (San Román de Vilaestrofe)
O apelativo "picheiro" e "picheira" significan o mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que, no caso deste topónimo "Picheiro", indica algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

O PRADO DE TELADRIZ (Sargadelos)
topónimo "Teladriz" podería ter a orixe en *"Tei Ledriz", sendo "Ledriz" a forma evolucionada de Leoderici, o xenitivo de Leodericus, nome de orixe xermánica, e o elemento "Tei" indicando "lameira, prado".

O elemento "Tei" frecuentemente vai asociado a formas en xenitivo, tanto de orixe xermánica ("Teimende", "Teibalte", etc) ou latina ("Teivente", "Teilalle", etc).
E. Bascuas estudou esta forma "tei-", asignándolle unha orixe na forma paleoeuropea *tag-, cun significado parecido a "lameiro", e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreter, fluír lentamente' (cf. p. 66 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).

A localización en zona de prados parece reforzar esta hipótese.
Para máis detalles, consultar entrada de blog Pena da Cataverna.

OS PRADOS DO CARITEL (Castelo)
Ver "O Monte do Caritel".

A PREGUIZA (Cervo)
Poderíamos interpretar "preguiza" no sentido do apelativo que os dicionarios definen como " Falta de vontade para traballar".
No entanto, é interesante notar a relativa frecuencia de topónimos "Preguiza" e relacionados na toponimia galega. É verdade o valor na cultura tradicional galega que lle é dado ao traballo. Pero aída así, debería ser un topónimo extraordinariamente raro se se tratase do sentido indicado pola voz comúm "preguiza".

Parece que na realidade a significación do topónimo é ben diferente. Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").
O Padre Sarmiento xa falaba dela:
   “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).
Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza". 
En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

O PREITO (Cervo)
Este termo viría referido ás disputas entre particulares polas lindes ou pola propiedade do terreo.

A PUÍDA (San Román de Vilaestrofe)
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante", posiblemente referido ás características das terras.
Cabe a posibilidade remota de que proveña dunha posesor con ese alcume (ou propietario: "O da Puída"), aínda que sendo un núcleo de poboación semella máis improbable. A relativa frecuencia do topónimo volve aínda menos probable esta hipótese.

A PUMAREGA (San Román de Vilaestrofe, Castelo, Sargadelos)
A PUMAREGA DA VEIGA (Castelo)
AS PUMAREGAS (Castelo)
Unha "pumarega" e un "pumar" son sinónimos, co significado de "finca plantada de froitas, maiormente maciñeiras (maceiras)".
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"). De feito, "Pumarega" atopámolo na Mariña de Viveiro ata Ribadeo.

QUEIMADO (Castelo)
Probablemente en relación coas actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.

QUELLA (Cervo)
O mesmo significado que cale/canle, tanto no sentido de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
O mesmo apelativo existe en portugués coa grafía quelha, e en galego tén tamén variantes "quelle", "quenlle" e "quenlla".

RAMIL (Castelo)
Posiblemente de *(agru) Ramiri, forma en xenitivo de Ramiru(s), nome do antigo posesor.
Ao non se tratar dun núcleo de poboación, é tamén probable que se trate do apelido (e non do nome) dun antigo posesor. Como apelido, tamén tería a indicada orixe en Ramiri.

RAÑA MAIOR (Rúa)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso.  Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal,  sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras".
No dicionario figuran dúas acepcións para "raña": "Terreo alto e de monte pobre", e tamén "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Rivas Quintas suxere para o topónimo unha raiz paleoeuropea *ra-, *ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

A RAÑADOIRA (San Román de Vilaestrofe)
O mesmo que "rañadoiro" 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. DRAG.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.


REBOLO DO CHAO (San Román de Vilaestrofe)
Os dicionarios galegos rexistran para "rebolo" o significado de "carballo, renovo do carballo". Tampouco podemos desbotar a interpretación como alcume, na acepción de "home ou animal rechoncho", que podería ter aplicación toponímica alicado a un antigo posesor.

O RECANTO (Rúa)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

A REGA (Rúa)
Este topónimo, moi frecuente en Galiza, ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso".
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, 

É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego" (cf. E. Bascuas en VERBA n. 27).

REGO BALSEIRO (Cervo)
O nome do rego remite a un lugar á súa beira chamado "Balseiro".
O topónimo "Balseiro" refire a un terreo cuberto de balsas ou charqueiras. 
Tamén pode remitir ao apelido ou alcume "Balseiro", dos posesores destes terreos.

REGO DA AGUIEIRA (Castelo)
Ver "A FONTE DA AGUIEIRA".

REGO DA BANDEXA (San Román de Vilaestrofe)
O topónimo "Bandexa", aínda que semelle un significado transparente, moi probablemente se trate dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea. 
En efecto, E. Bascuas e outros autores (V. Cocco, J. M. Blázquez) derivan topónimos como "Banduge" ("Bandugium" en 1115, en Mesão Frio), semella que "Bandexa" derive da base hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95). Cf. p. 51 de E. Bascuas "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7, 2007 (aquí).
Tamén Boullón Agrelo deriva o topónimo Bandoxa (Oza dos Ríos) desa base hidronínima *band-, de onde derivaría tamén a divindade acuática prerromana Bandoga (cf. p. 150  de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Este topónimo está presente tamén como hidrónimo no Valadouro e en Viveiro.

REGO DAS VARAS (Castelo)
Aínda que a orixe do termo "varas" non se poida rexeitar a transparente de "pau longo e delgado", moi probablemente non teña relación e se trate dun topónimo de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derivan os numerosos topónimos "Vara" da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. De feito, para este "rego das Varas", Bascuas indica que probabelmente se trata dun hidrónimo reinterpretado como apelativo (cf. p. 143 de E. Bascuas, 2014."Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

REGO DE LEAS (San Román de Vilaestrofe)
Ver "Leas".

REGO DE PEDROUZO (Castelo)
Ver "O Pedrouzo".

REGO DO FORCÓN (Rúa)
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
Aínda que o dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo", o máis probable é que se refira a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas (neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro").

En efecto, acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

REQUEIXO (Rúa)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD)  ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-  presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

A RESTREBADA (San Román de Vilaestrofe)
Terras con "restrebas", as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

O RETORNO (Castelo)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica do blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A RILLEIRA (Cervo)
AS RILLEIRAS (Cervo)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. DdD. Podemos interpretalo, xa que logo, como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe relacionada coa raíz indoeuropea *er-, presente na hidronimia europea.

Río COVO (Castelo)
O adxectivo "covo" defíneno os dicionarios como "cóncavo, profundo" (cf. DdD). Este sería o caso deste río, relativamente estreito e profundo.

A ROCIÑA (Lieiro)
Diminutivo de "roza". Ver "A Roza Vella".

A ROZA VELLA (Cervo, Castelo, Lieiro, Rúa, Sargadelos)
AS ROZAS (Varios)
O ROZÓN (Castelo)
O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Ver "A Cernada".

A ROZADA (Castelo, Rúa)
Lugar onde se houbo actividades de "roza". Ver "A Roza Vella".

RÚA (Rúa)
Este topónimo figura xa como "S. Martinus de Rua" nun documento de Afonso VII do ano 1128 (cf. "España Sagrada"). Aparece novamente mencionado no 1488 co nome actual "Rua" (cf. ITGM).
Probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). 
A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín").

RUBÁS (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos "Rubiás" e "Rubás" en xeral son interpretados como "(terras) rubás", "terras dunha cor tirando a ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas, incluso hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro).
Alternativamente, está atestado o topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, J. M. Piel relacionou "rubiña" co verbo rubir 'subir', derivándoos do latín rupes "rocha".

RUELA (Rúa)
Corresponde co antigo diminutivo de "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG).
Dada a súa pertenza á freguesía de Rúa, podemos interpretar "Ruela" como un topónimo xurdido na Idade Media, aludindo a que era un alfoz de Rúa, un lugar ligado a Rúa. Decimos na Idade Media pois o uso do antigo diminutivo en -ela non perdurou despois.
Por outro lado, a voz "ruela" conservouse tanto no galego como no portugués para designar "rúa pequena ou estreita", polo cal esta entidade de poboación puido orixinarse posterioremente.
Ver "RÚA" para detalles sobre etimoloxía. 

SAÍÑAS (Sargadelos)
Unha "saíña", significaría "salina", derivado de "sal". 
Aínda que se podería pensar nunha interpretación alternativa como diminutivo de "saa/sá" (do xermánico sala), pola situación costeira semella máis plausible relacionalo con "sal" e non con "saa".
Existe tamén "O Saiñal" en Mogor (Mañón), que parece confirmar esta hipótese.

SALDOIRO (Cervo)
Os topónimos "Saldoiro" e "Saldoira", relativamente frecuentes en Galiza e Portugal, son de orixe prerromana, tal como se indica de seguido.
A priori, poderíamos pensar nunha pronuncia de "saladoiro", no sentido de "salgadoiro" "pía, baño para salgar". No entanto, semella difícil ese paso de salgadoiro>saldoiro, máxime se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo: "río Saldoiro", "Saldoiro" (Narahío), "A Saldoira" (punta costeira) en Ribadeo, "Poza de Saldoiro" na Laracha, "Fonte de Saldoiro" en San Sadurniño, "O Saldoiro" na Pastoriza, "Pena Saldoira" na Pontenova.
Tendo en conta que a maioría deles corresponden con hidrónimos, Bascuas derivaos como formacións con sufixo romance a partir do tema hidronímico *sald-, da raíz indoeuropea *sal- 'auga axitada, sal, suxo' (cf. p. 223 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

A SALEIRA (Lieiro)
Lugar onde abunda o sal. Ao tratarse dunha punta costeira, parece reforzar esta interpretación.

SANTOMÉ (San Román de Vilaestrofe)
Lugar referido a "San Tomé", e por tanto un 
haxiotopónimo.

A SARA DE BAIXO (Castelo)
A SARA DE RIBA (Castelo)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

SARGADELOS (Saargadelos)
Antigamente chamado "Salgadelos", como figura e.g. nun documento 
de Afonso VII do ano 1128 . Corresponde, por tanto, co adxectivo en plural, aludindo neste caso a "lugares salgadelos", lugar onde hai certa abundancia de sal ou saíñas.
Nos finais do século XVI figura como "Sergadelos", e no século XVIII xa aparece como Sargadelos (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

A SENRA (Castelo)
Os termos "seara" e "senra" refiren a unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É unha voz de orixe prerromana, derivada dunha forma sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SINDÍN (Castelo)
De (agru) Sindini, forma en xenitivo de Sindinus, nome do antigo posesor. O nome Sindinus é hipocorístico de Sindus, á súa vez contracción de Sisenandus
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que fose agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar o teña sido antigamente a unha uilla medieval (explotación agrícola) e que tivese sido un lugar habitado.

O SISTO (Rúa)
OS SISTOS (Castelo)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 
Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

García Arias interpreta para os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión é tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable. 
Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBOLAIRA (Castelo)
Composto de "sobor-a-aira", lugar situado "por riba da aira", á parte de riba da aira.

SUARRIBAS (Cervo)
De "sub as ribas", lugar situado ao pé dunhas " ribas". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

SUVAL (Cervo)
Composto de "su val", lugar situado ao pé do val, á parte de baixo do val.

SUXIL (Castelo -lugar de Trasbar)
De (uilla) Sonigildi, forma en xenitivo de Sonigildus, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica, da raíz sunja- 'verdade' (alternativamente de sona 'expiación') e máis de hild 'batalla'.  Cf. "Sogilde", pd. 349, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

É importante notar que, aínda que o nome sexa de orixe xermánica, isto non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

O TALLO DE ABAIXO (Cervo)
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Á parte dos significados relativos a "corte", o termo "tallo" tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña".
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas". Cf. aquí. Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre" (cf. aquí).

O TARRAÑÓ (Castelo)
Moi probablemente, deturpación de "Tarañó", de (terreo) tarañó", relacionado coa voz "tarañeira" 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É un termo de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así un Tarañós en Mañón, Taraños en Cedeira, Tarañeira en Guitiriz e en Xermade, etc.

TEIXIDO (Lieiro)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu).

O TELLADO (Cervo -lugar de Espiñeirido)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu. 
O topónimo probablemente deriva do obvio significado de "lugar tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza". 
No entanto, "Tellado" é interpretado en xeral  como "lugar abandonado e repoboado": xa os romanos chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares,2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I). 

TERCIAS (San Román de Vilaestrofe)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
Rexístrase este mesmo topónimo en Mosende (O Vicedo), Landrove, Mañón, etc.

O TESOURO (Castelo)
Podemos interpretalo como topónimo xocoso, aludindo á riqueza da terra, ou máis ben, máis probablemente, o descubrimento (real ou lexendario) dun tesouro.
En efecto, os topónimos deste tipo foron estudados detalladamente para outras áreas peninsulares  por Gordón e Ruhstaller, concluíndo que é un claro e fiable indicador arqueolóxico. De feito, aportan unha longa listaxe de topónimos Tesoro e Tesorillo nos que se atoparon sitios arqueolóxicos (cf. M. D. Gordón e S. Ruhstaller, 1991. "Estudio léxico-semántico de los nombres de lugar onubenses" in Toponimia y arqueología, Sevilla).

Por exemplo, no caso d"O Tesouro" en Foz, hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lexendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

A TILLEIRA (Rúa)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A TORNA (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica indoeuropea*ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A TORRE (Castelo)
O termo "torre", frecuente na toponimia galega, non remite estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

TRASBAR (Castelo)
Este lugar figura como Trasuar en 1293 (cf. E. Cal, 1991."De Viveiro en la Edad Media", in "Estudios Mindonienses", núm 7).
Seguindo a Piel, posiblemente derive de (uilla) Trasuarii, forma en xenitivo de Trasuarius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola, casal"). Este é un nome de orixe xermánica, formado coa raíz gótica Thras- 'combate' e -arius de harjis 'exército'. Cf. p.435 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)". 
É importante notar que esta orixe xermánica do nome non indicaría que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

Alternativamente, poderíamos pensar nun "trans Var" "ao outro lado de Var". Nesta liña, tendo en conta "A Vara" en XoveBares en Mañón (atestado como Uaris no S. IX)  e outros, podemos pensar para este hipotético Var unha orixe na forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo'.  Xa que logo, formaría parte da serie de topónimos "Baraza", "Baroña", "Baralla", "A Vara". En efecto, Bascuas mencionou este topónimo concreto, e postulou esta interpretación como alternativa (cf. p. 145 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Sexa como for, considerando a documentación antiga, o que é certo é que sería máis apropiada a súa transcrición como "Trasvar".

O VASCO (San Román de Vilaestrofe)
Probablemente, "Vasco" indique neste contexto o antigo posesor do terreo. O nome de persoa "Vasco" era frecuente na Idade Media, e tén a mesma orixe que o castelán "Velasco".

O VEDRAL (Rúa)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "lugar de vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

O VEDRO (Castelo)
OS VEDROS (Cervo)
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, probablemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo".
Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro", aínda que parece moi improbábel, e máis aínda se reparamos na existencia de "O Vedrón", que non tería sentido como aumentativo dunha planta.

O VEDRÓN (Castelo, Cervo)
O termo "Vedrón" é un aumentativo de "vedro". Ao ser aumentativo,  a mellor interpretación deste topónimo parece a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo".

AS VERDEGUEIRAS (Rúa)
De "verdegar" "brotar, verdar" (cf. DdD). De feito, Eladio Rodríguez rexistrou "verdegar" na acepción de abundancial "sitio onde verdea o campo" (cf. DdD).
Non podemos descartar que a orixe sexa en "Bardagueiras", que indicaría lugar onde abundan a "bardagueira", unha especie de salgueiro. Bardagueira é derivado de "barda" 'sebe', de orixe prerromana segundo Corominas (cf. J. Corominas, DCECH, s.v. barda). A evolución de bardagueiras para verdegueiras sería por etimoloxía popular, facilitada polo descoñecemento de "bardagueira" e pola frecuente vacilación do peche das vocais átonas en galego.

OS VIDREIROS (Rúa)
Posiblemente grafía alternativa por "bedreiros", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". En efecto,  Navaza recolle o caso de "O Vidreiro" no Valadouro, recollido por Madoz como Bedreiro (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Nótese que, neste caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado", co que o paso a "i" sería case indiferenciable nunha sílaba átona. 
Hai tamén "Vidral" noutros concellos, que podería ter igual orixe.

O VIEIRO (Rúa)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
 No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga (cf. p. 139 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Por outra banda, Nicandro Ares interprétao como derivado de viarius "referido a vía, camiño, verea", ou incluso ao antropónimo Viarius (cf. p. 835 de N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega"). 

VILA DE SUSO (Cervo)
Do latín uilla de sursum 'vila de riba', 'vila no alto' (cf. p. 107 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").

VILAESTROFE (San Román de Vilaestrofe)
De Uilla Astrulfi, forma en xenitivo de Astrulfus, nome que remite ao antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola, casal). É un nome de orixe xermánica. 

O VILAR (San Román de Vilaestrofe, Cervo)
OS VILARES DE ABAIXO (San Román de Vilaestrofe)
OS VILARES DE ARRIBA (San Román de Vilaestrofe)
O VILARÓN (Cervo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha vila, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. aquí.

O VISO (Lieiro)
Un "viso" remite a "un sitio alto, sitio elevado", de boa visibilidade. Cf. DdD

AS XIRAS DE BEBA (Cervo)
Unha "xira" é un terreo de labradío estreito e pequeno, posiblemente sendo xira no sentido de paseo. É un significado habitual de "xira" neste concello.
Canto a Beba, dado o contexto, alude ao nome (hipocorístico) da (antiga) propietaria das xiras. En Portugal, Machado (DOELP, s.v. "Beba") sinala para un topónimo Beba a súa orixe escura, aínda que posibelmente deantroponímica.

O XISTRAL (Rúa)
O termo "xistral" indicaría o lugar onde abunda a planta chamada "xistra" (meum athamanticum, cf. DdD)
Para máis detalle, ver o artigo correspondente no blog Pena da Cataverna.